Ir ó contido

Ir ó índice

Como facer o correcto? A Biblia, unha guía confiable

Como facer o correcto? A Biblia, unha guía confiable

Non podemos estar seguros de que as nosas decisións nos leven polo bo camiño se só as baseamos en como nos sentimos nós ou a xente que nos rodea. A Biblia demostra por que é así. Ademais dános unha guía moral confiable que nos axuda a ser felices.

A GUÍA QUE NECESITAMOS

Na Biblia, Xehová a Deus explica que os humanos necesitamos a súa axuda e que non podemos guiarnos ou dirixirnos a nós mesmos (Xeremías 10:23). Por iso nos deixou a guía moral que encontramos na Biblia. El ama a humanidade e non quere que pasemos polas dolorosas consecuencias e a frustración que produce tomar decisións importantes na vida baseándonos no método de ensaio e erro (Deuteronomio 5:29; 1 Xoán 4:8). Ademais, como é o noso Creador, ten a sabedoría e o coñecemento necesarios para darnos os mellores consellos (Salmo 100:3; 104:24). Aínda así, el nunca obriga a ninguén a obedecer as súas normas.

Xehová deulles ó primeiro home e á primeira muller, Adán e Eva, todo o que necesitaban para ser verdadeiramente felices (Xénese 1:28, 29; 2:8, 15). Tamén lles pediu que obedecesen algunhas instrucións moi sinxelas. Pero deixou que escollesen se as querían obedecer ou non (Xénese 2:9, 16, 17). Tristemente Adán e Eva decidiron vivir segundo as súas propias normas en vez de seguir as de Deus (Xénese 3:6). Cal foi o resultado? Foille ben á humanidade decidindo por si mesma o que está ben e o que está mal? Non. A historia confirma que ignorar as normas de Deus non trae paz e felicidade duradeiras (Eclesiastés 8:9).

A Biblia dános a guía que necesitamos para tomar boas decisións sen importar onde vivamos e cales sexan os nosos antecedentes (2 Timoteo 3:16, 17; mira o recadro “ Un libro para todo o mundo”). Vexamos como o fai.

Para saber máis sobre por que se lle pode chamar á Biblia a “palabra de Deus”, mira o vídeo Quen é o autor da Biblia? en jw.org (1 Tesalonicenses 2:13).

A BIBLIA DINOS O QUE DEUS DESEXA QUE FAGAMOS

A Biblia cóntanos de maneira exacta a relación que tivo Deus coa humanidade dende o principio. O seu contido axúdanos a entender o punto de vista que el ten sobre o que está ben e o que está mal, o que nos beneficia e o que nos fai dano (Salmo 19:8, 12 [19:7, 11, TNM]). Nela aprendemos principios que nunca deixan de ser útiles e que nos axudan a tomar decisións sabias no noso día a día.

Por exemplo, fíxate no consello que encontramos en Proverbios 13:20: “Vai onda os sabios: voltarás sabio; quen fai compaña ós necios, terá que sufrir”. Este principio segue sendo tan certo nos nosos días coma o foi en tempos pasados. A Biblia está chea de consellos prácticos e valiosos coma este (mira o recadro “ A sabedoría da Biblia nunca queda anticuada”).

Pero quizais te preguntes: “Como podo estar seguro de que a guía moral que dá a Biblia segue sendo útil hoxe en día?”. No seguinte artigo veremos algunhas experiencias da vida real.

a Xehová é o nome persoal de Deus. Este nome tamén pode traducirse como Iavé (Isaías 42:8).