Ir ó contido

Ir ó índice

Podemos fiarnos sempre dos nosos sentimentos para tomar boas decisións?

Como facer o correcto? En que se basea a maioría da xente para tomar decisións?

Como facer o correcto? En que se basea a maioría da xente para tomar decisións?

Case todo o mundo está de acordo con que algunhas formas de actuar son claramente correctas ou incorrectas. Por exemplo o asasinato, as violacións e o abuso de menores están condenados pola gran maioría. En cambio a xustiza, a bondade e a empatía son moi valoradas en xeral. Pero noutras áreas da vida, incluso en asuntos como a sexualidade, a honestidade ou a crianza, moitas persoas cren que non hai unha opción correcta ou incorrecta. Pensan que case calquera elección é aceptable. Cando teñen que tomar unha decisión, as persoas normalmente baséanse no que senten elas mesmas ou a xente que as rodean. É boa idea basearse niso?

EN COMO SE SENTEN ELES MESMOS

Moitas veces tomamos decisións baseándonos no que sentimos, ou no noso sentido interno do ben e o mal. Isto coñécese comunmente como a conciencia (Romanos 2:14, 15). Incluso dende pequenos os nenos poden recoñecer a diferenza entre comportamentos xustos e inxustos, e ata sentirse culpables se fan algo mal. Co tempo, a conciencia vaise axustando ós valores que aprendemos da familia, compañeiros, profesores, comunidade, relixión e cultura. Cando tomamos decisións, a conciencia dinos se a nosa elección coincide cos nosos valores ou non.

O noso sentido do correcto e do incorrecto pode motivarnos a mostrarlles empatía, gratitude, xustiza e compaixón ós demais. Tamén pode impedirnos facer cousas que prexudiquen as persoas que nos importan ou evitar situacións que nos provoquen vergonza, humillación ou culpa.

Podémonos fiar sempre dos nosos sentimentos? De mozo, Garrick decidiu vivir guiándose só polo que a el lle parecía que estaba ben. El mesmo dixo: “Permitíame establecer as miñas propias normas”. Pero co tempo deuse conta de que iso non o facía feliz. Chegou a levar un estilo de vida que máis tarde describiu como “un camiño moi escuro de inmoralidade, abuso de drogas, borracheiras e moita violencia”.

EN COMO SE SENTEN OUTRAS PERSOAS

Ademais de tomar decisións baseadas en como nos sentimos nós, ás veces tamén nos deixamos guiar polo que poidan pensar outros. Iso permítenos beneficiarnos da súa experiencia e sabedoría. Cando actuamos segundo os valores da familia, amigos e comunidade, conseguimos o seu respecto.

Podemos basear sempre as nosas decisións no que senten os demais? De moza, Priscila facía o que era popular entre os seus compañeiros e tiña relacións sexuais sen estar casada. Pero co tempo deuse conta de que facer o que a maioría pensaba que estaba ben non lle daba a felicidade. Ela dixo: “Imitar os demais non me fixo sentir ben. Púxenme en perigo de forma insensata e innecesaria”.

HAI ALGUNHA MANEIRA MELLOR?

Os nosos sentimentos e os sentimentos dos demais xogan un papel importante cando temos que decidir entre facer o correcto ou o incorrecto. Pero basearnos só niso non nos asegura que vaiamos obter bos resultados. Poderiamos converternos en vítimas da nosa propia falta de visión, e non darnos conta do dano que as nosas decisións poden causarnos a nós ou a outros (Proverbios 14:12). E non hai garantía de que os nosos valores ou os dos que nos rodean nos beneficien. Tampouco podemos ter a seguridade de que non vaian cambiar co tempo. Ó fin e ó cabo, certos comportamentos que antes se vían como incorrectos agora son comunmente aceptados, mentres que condutas que antes se consideraban aceptables agora se ven como incorrectas.

Podemos basearnos sempre nas decisións dos demais para tomar as nosas?

Pero, hai algunha forma mellor de saber o que está ben e o que está mal? Existe algunha guía moral que nos axude a tomar boas decisións agora e que non nos decepcione co paso dos anos?

Afortunadamente, existe unha fonte de orientación moral que é estable e de confianza. Ademais, funciona para todo tipo de persoas e en todo o mundo. O seguinte artigo analizará onde podemos atopar a guía máis fiable para distinguir o que está ben do que está mal.