As boas noticias segundo Mateo 10:1-42

  • Os 12 apóstolos (1-4)

  • Instrucións para predicar (5-15)

  • Os discípulos serán perseguidos (16-25)

  • Temer a Deus, non a xente (26-31)

  • “Non vin a traer paz, senón espada” (32-39)

  • Recibir os discípulos de Xesús (40-42)

10  Entón reuniu os seus 12 discípulos e deulles autoridade para botar fóra os malos espíritos, e tamén para curar todo tipo de enfermidades e doenzas.  Estes son os nomes dos 12 apóstolos: primeiro Simón, ó que lle chaman Pedro, e o seu irmán Andrés; Santiago, que era fillo de Zebedeo, e o seu irmán Xoán;  Felipe e Bartolomé; Tomás e Mateo o cobrador de impostos; Santiago, que era fillo de Alfeo, e Tadeo;  Simón o Cananita* e Xudas Iscariote, o que máis tarde traizoou a Xesús.  Xesús enviou estes 12 con estas instrucións: “Non vaiades polo camiño que leva a outras nacións e non entredes en ningunha cidade de Samaria.  Máis ben, buscade unha e outra vez as ovellas perdidas da nación de Israel.  Ide e predicade: ‘O Reino dos ceos xa está cerca’.  Curade os enfermos, resucitade* os mortos, curade os leprosos e botade fóra os demos. Recibistes gratis, así que dade gratis.  Non levedes ouro nin prata nin cobre no voso cinto*​. 10  Nin tampouco levedes roupa para cambiarvos, nin outro par de sandalias, nin bastón, nin unha bolsa con comida para a viaxe, porque o traballador merece o seu alimento. 11  ”Cando entredes nalgunha cidade ou aldea, buscade a quen mereza a mensaxe, e aloxádevos na súa casa ata que marchedes. 12  Cando entredes nunha casa, saudade os que estean nela e desexádelles paz. 13  Se a casa o merece, que teña a paz que lle desexades, pero se non o merece, que esa paz volva a vós. 14  Se nalgunha casa ou nalgunha cidade non vos reciben nin queren escoitar o que lles queredes dicir, sacudide o po dos pés ó saír de alí. 15  Asegúrovos que o Día do Xuízo será máis fácil de soportar para Sodoma e Gomorra que para esa cidade. 16  ”Mirade! Estouvos enviando coma ovellas no medio de lobos. Así que sede prudentes coma serpes, pero inocentes coma pombas. 17  Tede coidado coa xente, porque vos entregarán ós tribunais locais e daranvos lategazos* nas sinagogas. 18  Vanvos levar ante gobernadores e reis porque sodes os meus seguidores. Así poderedes falarlles de min a eles e a persoas doutras nacións. 19  Pero cando vos entreguen ós tribunais locais, non vos angustiedes polo que ides dicir ou como o ides dicir. Nese momento farásevos saber o que tedes que dicir. 20  Porque non seredes só vós os que falaredes, senón que o espírito do voso Pai falará por vós. 21  Ademais, un irmán entregará o seu irmán para que o maten, un pai entregará o seu fillo, e os fillos rebelaranse contra os seus pais e farán que os maten. 22  Todos vos odiarán porque sodes os meus seguidores*​, pero Deus salvará a quen aguante ata o fin. 23  Cando vos persigan nunha cidade, escapade para outra, porque vos aseguro que o Fillo do Home virá antes de que poidades acabar de predicar en tódalas cidades e aldeas de Israel. 24  ”Un alumno non é superior ó seu mestre e un escravo tampouco é superior ó seu amo. 25  Para o alumno xa é suficiente con chegar a ser coma o seu mestre, e para o escravo coma o seu amo. Se as persoas lle chamaron Belcebú* ó dono da casa, como non lles van chamar tamén así ós da súa casa! 26  Por iso, non lles teñades medo, porque non hai nada escondido que non se vaia descubrir nin nada secreto que non se vaia saber. 27  O que vos digo na escuridade, contádeo a plena luz, e o que escoitades baixiño, anunciádeo desde o alto das casas*​. 28  Non lles teñades medo ós que matan o corpo pero non poden acabar coa vida*​. Máis ben, temede* ó que pode acabar tanto co corpo coma coa vida na Guehena*​. 29  Verdade que se venden dous gorrións por unha moediña de pouco valor*​? Aínda así, ningún deles cae ó chan sen que o saiba o voso Pai. 30  Pois no voso caso, incluso están contados tódolos pelos da vosa cabeza. 31  Así que non teñades medo, vós valedes moito máis que os gorrións. 32  ”Se alguén se pon da miña parte diante da xente, eu tamén me poñerei de parte del diante do meu Pai que está nos ceos. 33  Pero se alguén me rechaza diante da xente, eu tamén o rechazarei diante do meu Pai que está nos ceos. 34  Non pensedes que vin a traer paz á terra. Non vin a traer paz, senón espada. 35  Porque vin para causar división. O fillo estará en contra do seu pai, a filla en contra da súa nai e a nora en contra da súa sogra. 36  De feito, os inimigos de cada un serán persoas da súa propia casa. 37  Quen lle quere máis ó seu pai ou á súa nai que a min non merece ser o meu discípulo. Quen lle quere máis ó seu fillo ou á súa filla que a min non merece ser o meu discípulo. 38  E quen non acepta o seu madeiro de tortura* e me segue non merece ser o meu discípulo. 39  Quen intente salvar a súa vida vaina perder. Pero quen perda a súa vida por min vaina encontrar*​. 40  ”Quen vos recibe a vós recíbeme tamén a min. E quen me recibe a min recibe tamén a quen me enviou. 41  Quen reciba un profeta porque é profeta terá a mesma recompensa que ten un profeta. E quen reciba un xusto porque é xusto terá a mesma recompensa que ten un xusto. 42  E asegúrovos que quen lle dea de beber, aínda que só sexa un vaso de auga fresca, a un dos meus discípulos* por ser discípulo meu, de ningunha maneira quedará sen a súa recompensa”.

Notas ó pé

Ou “o Entusiasta”.
Lit. “levantade”.
Un cinto que tiña un sitio para gardar cartos.
Ou “porque levades o meu nome”.
Un nome aplicado a Satanás, o gobernante dos demos. Ver glosario Belcebú.
Ou “desde as azoteas”.
É dicir, a posibilidade de volver a vivir no futuro.
Ver glosario temor de Deus.
Lit. “por un asarion”. Un denario equivalía a 16 asarions. Ver glosario denario.
Ou “volverá a vivir”.
Lit. “destes pequenos”.