As boas noticias segundo Mateo 28:1-20

  • A resurrección de Xesús (1-10)

  • Subornan os soldados para que mintan (11-15)

  • “Ide e facede discípulos” (16-20)

28  Despois do sábado, cando estaba saíndo o sol o primeiro día da semana*​, María Madalena e a outra María foron ver a tumba.  Resulta que houbera un gran terremoto, porque o anxo de Xehová* baixara do ceo, fora á tumba e movera a pedra da entrada. O anxo, que se sentara enriba da pedra,  brillaba coma un lóstrego e a súa roupa era branca coma a neve.  Os gardas tiveron tanto medo del que se puxeron a tremer e quedaron totalmente paralizados*​.  Entón o anxo díxolles ás mulleres: “Non teñades medo. Sei que buscades a Xesús, o que foi executado no madeiro.  Non está aquí, porque resucitou*​, xusto como el dixera. Vinde ver onde estaba o seu corpo.  Despois ide rápido onda os seus discípulos e dicídelles: ‘Resucitou* de entre os mortos e agora vai diante de vós de camiño a Galilea. Verédelo alí’. Isto é o que vin a dicirvos”.  Así que elas marcharon rápido da tumba* e foron correndo a contárllelo ós discípulos. Estaban asustadas pero tamén moi contentas.  Entón Xesús encontrounas polo camiño e díxolles: “Bos días!”. Elas acercáronselle, inclináronse diante del e agarráronse ós seus pés. 10  Despois Xesús díxolles: “Non teñades medo. Ide e avisade os meus irmáns para que vaian a Galilea. Vanme ver alí”. 11  Mentres elas ían de camiño, algúns gardas foron á cidade e contáronlles ós sacerdotes principais todo o que pasara. 12  Entón os sacerdotes principais reuníronse cos anciáns para decidir o que ían facer. Despois déronlles ós soldados unha gran cantidade de moedas de prata 13  e mandáronlles: “Vós dicide: ‘Os seus discípulos viñeron de noite e roubaron o corpo mentres nós estabamos durmindo’. 14  E se o gobernador chega a saber algo, non vos preocupedes. Xa falaremos nós con el*”. 15  Así que os soldados quedaron coas moedas de prata e fixeron o que eles lles mandaran. E esa é a versión da historia que se oe aínda hoxe entre os xudeus. 16  Pero os 11 discípulos foron a Galilea, á montaña onde Xesús lles dixera que se encontraría con eles. 17  Cando o viron, inclináronse diante del, pero algúns* tiveron dúbidas de que fose Xesús. 18  El acercouse e díxolles: “Deus deume autoridade sobre tódalas cousas no ceo e na terra. 19  Así que ide e facede discípulos de xente de tódalas nacións. Bautizádeos* no nome do Pai, do Fillo e do espírito santo. 20  Ensinádelles a obedecer todo o que eu vos mandei. E recordade: Estarei con vós tódolos días ata a parte final do sistema*”.

Notas ó pé

Este é o día que agora chamamos domingo.
Ou “coma mortos”.
Lit. “foi levantado”.
Lit. “Foi levantado”.
Ou “tumba conmemorativa”.
Ou “Xa o convenceremos nós”.
É probable que se refira a algúns discípulos ós que Xesús non se aparecera antes.
Ou “da era”. Ver glosario sistema.