As boas noticias segundo Mateo 2:1-23

  • Visita dos astrólogos (1-12)

  • Escapan para Exipto (13-15)

  • Herodes mata os nenos pequenos (16-18)

  • Regresan a Nazaret (19-23)

2  Xesús naceu en Belén de Xudea nos días do rei Herodes*​. Resulta que chegaron a Xerusalén uns astrólogos* que viñan de Oriente,  e dixeron: “Onde está o rei dos xudeus que acaba de nacer? É que vimos a súa estrela cando estabamos en Oriente e viñemos para mostrarlle o noso respecto*”.  Ó escoitar isto, o rei Herodes colleu medo e tamén toda a xente de Xerusalén.  O rei xuntou a tódolos sacerdotes principais* e os escribas* do pobo, e preguntoulles onde tiña que nacer o Cristo*​.  Eles respondéronlle: “En Belén de Xudea, porque isto foi o que se escribiu mediante o profeta:  ‘E ti, Belén da terra de Xudá, de ningunha maneira es a cidade máis insignificante entre os gobernantes de Xudá, porque de ti sairá un gobernante que pastoreará* o meu pobo Israel’”.  Entón, Herodes mandou chamar os astrólogos en segredo para saber exactamente en que momento aparecera a estrela.  Despois enviounos a Belén, e díxolles: “Ide e buscade por todas partes onde está o neno. Cando o encontredes, volvede e dicídemo para que eu tamén poida ir e mostrarlle o meu respecto”.  Despois de escoitar o que dixo o rei, seguiron o seu camiño. Entón, a estrela que viran cando estaban en Oriente foinos guiando ata que parou enriba de onde estaba o neno. 10  Ó ver que a estrela se detiña, alegráronse moitísimo. 11  Cando entraron na casa, viron o neno coa súa nai María e inclináronse diante del para mostrarlle respecto. Tamén abriron os seus cofres e regaláronlle ouro, olíbano* e mirra*​. 12  Despois, marcharon para o seu país por outro camiño porque Deus lles advertira nun soño que non volvesen onda Herodes. 13  Cando xa marcharan, o anxo de Xehová* aparecéuselle a Xosé nun soño e díxolle: “Levántate, colle o neno e a súa nai e escapa para Exipto. Queda alí ata que te avise, porque Herodes vai buscar o neno para matalo”. 14  Así que Xosé levantouse esa noite, colleu o neno e a nai do neno, e marchou para Exipto. 15  E quedou alí ata que morreu Herodes. Así cumpriuse o que dixera Xehová* mediante o seu profeta: “Chamei o meu fillo para que saíse de Exipto”. 16  Cando Herodes se deu conta de que os astrólogos o enganaran, púxose furioso. E mandou matar a tódolos nenos de dous anos ou menos que había en Belén e en tódalas rexións que había arredor, porque esa era a idade que calculara polo que lle dixeran os astrólogos. 17  Así cumpriuse o que se dixera mediante o profeta Xeremías: 18  “Escoitouse a voz de alguén en Ramá que choraba e se lamentaba moito. Era Raquel chorando polos seus fillos. E non quería que a consolasen porque eles xa non están”. 19  Cando Herodes morreu, o anxo de Xehová* aparecéuselle nun soño a Xosé, que estaba en Exipto, 20  e díxolle: “Levántate, colle o neno e a súa nai e volve á terra de Israel, porque xa morreron os que querían matar o neno*”. 21  Así que se levantou, colleu o neno e a nai do neno, e volveu á terra de Israel. 22  Pero, ó saber que Arquelao estaba gobernando en Xudea en vez do seu pai Herodes, deulle medo ir alí. Ademais, como Deus lle dera unha advertencia nun soño, marchou para a rexión de Galilea. 23  E quedou a vivir nunha cidade chamada Nazaret. Así cumpriuse o que se dixera mediante os profetas: “Chamaráselle Nazareno*”.

Notas ó pé

Ou “magos”. Ver glosario astrólogo.
Ou “inclinarnos diante del”.
Ou “mestres da Lei”. Ver glosario escriba.
Ou “Mesías”, “Unxido”.
Ou “dirixirá”.
Ou “buscaban a alma do neno”. Ver glosario alma.
Probablemente vén dunha expresión hebrea que significa “brote” ou “gromo”. Ver glosario Nazareno.