As boas noticias segundo Mateo 20:1-34

  • Tódolos traballadores da viña cobran o mesmo (1-16)

  • Xesús volve a predicir a súa morte (17-19)

  • Pídenlle a Xesús postos importantes no Reino (20-28)

    • Xesús veu para dar a súa vida como rescate por moitos (28)

  • Xesús cura dous homes cegos (29-34)

20  ”Porque o Reino dos ceos é coma o dono dunhas terras que saíu moi cedo pola mañá para contratar traballadores para a súa viña.  Púxose de acordo cos traballadores en que lles pagaría un denario* ó día e mandounos á viña.  Arredor das 9 da mañá*​, volveu a saír e viu algúns homes na praza do mercado que estaban alí de pé sen traballo.  El díxolles: ‘Ide vós tamén á viña e pagareivos o que sexa xusto’.  E eles foron. Despois, saíu outra vez arredor das 12 do mediodía* e tamén arredor das 3 da tarde*​, e volveu facer o mesmo.  Por último, saíu arredor das 5 da tarde*​, encontrou outros homes alí parados e preguntoulles: ‘Por que estivestes aquí todo o día sen traballar?’.  Eles contestáronlle: ‘Porque ninguén nos contratou’. E el díxolles: ‘Vinde vós tamén á miña viña’.  ”Cando se puxo o sol, o dono da viña díxolle ó encargado: ‘Manda vir os traballadores e págalles. Empeza polos últimos e acaba polos primeiros’.  Ó chegar os das 5 da tarde, pagoulles un denario a cada un. 10  Por iso, os primeiros esperaban cobrar máis cando chegaron, pero a eles tamén se lles pagou un denario. 11  En canto cobraron, empezaron a queixarse do dono da viña 12  e dixéronlle: ‘Estes que viñeron ó final traballaron só unha hora, e ti trátalos igual que a nós que estivemos traballando todo o día e aguantando a calor do sol’. 13  Pero el respondeulle a un deles: ‘Eu non fixen nada malo. Ti mais eu quedamos en que che ía pagar un denario, non? 14  Pois colle o teu e vaite. Eu quero darlle o mesmo ó último que a ti. 15  Seica non teño dereito a facer o que quero co que é meu? Ou é que tes envexa porque son xeneroso* con eles?’. 16  Desta maneira, os últimos serán os primeiros e os primeiros serán os últimos”. 17  Mentres subían cara a Xerusalén, Xesús xuntou os 12 discípulos para falar con eles en privado e foilles dicindo polo camiño: 18  “Escoitade. Imos cara a Xerusalén e alí o Fillo do Home vai ser entregado ós sacerdotes principais e ós escribas, e eles condenarano a morte. 19  Despois entregarano a homes das nacións que se burlarán del, daranlle lategazos e executarano nun madeiro. Pero ó terceiro día será resucitado*”. 20  Entón, a muller de Zebedeo acercouse a Xesús cos seus dous fillos e inclinouse diante del para pedirlle algo. 21  El preguntoulle: “Que queres?”. Ela contestoulle: “Manda que os meus dous fillos se senten ó teu lado no teu Reino, un á túa dereita e outro á túa esquerda”. 22  Xesús respondeu: “Non sabedes o que estades pedindo. Podedes beber da copa da que eu estou a punto de beber?”. Eles dixéronlle: “Si que podemos”. 23  E el contestoulles: “É certo que beberedes da miña copa, pero non son eu quen escolle quen se vai sentar á miña dereita nin á miña esquerda. É meu Pai quen decide quen se pode sentar aí”. 24  Cando os outros 10 souberon o que pasara, enfadáronse cos dous irmáns. 25  Así que Xesús xuntounos a todos e díxolles: “Sabedes que os gobernantes das nacións mandan no pobo e que os homes importantes teñen autoridade sobre a xente. 26  Pero entre vós non debe ser así. O que queira chegar a ser o maior entre vós ten que servir os demais, 27  e o que queira ser o primeiro entre vós ten que ser escravo dos demais. 28  Iso foi o que fixo o Fillo do Home. El non veu para que o servisen, senón para servir os demais e para dar a súa vida como rescate a cambio de moitas persoas”. 29  Cando saíron de Xericó, seguiuno moita xente. 30  Entón, dous homes cegos que estaban sentados á beira do camiño escoitaron que Xesús pasaba por alí e berraron: “Señor, Fillo de David, ten compaixón de nós!”. 31  A xente berroulles e díxolles que calasen, pero eles gritaron aínda máis forte: “Señor, Fillo de David, ten compaixón de nós!”. 32  Así que Xesús parou, chamounos e díxolles: “Que queredes que faga por vós?”. 33  Eles contestáronlle: “Señor, fai que se nos abran os ollos”. 34  Xesús sentiu tanta compaixón por eles que lles tocou os ollos. Entón, recuperaron a vista inmediatamente e seguírono.

Notas ó pé

Lit. “da hora terceira”.
Lit. “da hora sexta”.
Lit. “da hora novena”.
Lit. “da hora undécima”.
Lit. “o teu ollo é malvado porque eu son bo”.
Lit. “levantado”.