As boas noticias segundo Mateo 24:1-51

  • O SINAL DA PRESENZA DE CRISTO (1-51)

    • Guerras, fame e terremotos (7)

    • Predicaranse as boas noticias (14)

    • A gran tribulación (21, 22)

    • O sinal do Fillo do Home (30)

    • A figueira (32-34)

    • “Tal como eran os días de Noé” (37-39)

    • “Estade sempre vixiantes” (42-44)

    • O escravo fiel e o escravo malo (45-51)

24  Cando Xesús saía do templo, acercáronselle os seus discípulos e sinaláronlle os edificios do templo.  Entón, el preguntoulles: “Vedes todas estas cousas? Asegúrovos que de ningunha maneira quedará aquí pedra sobre pedra. Todo isto vai ser destruído”.  Mentres el estaba sentado no Monte das Oliveiras, os discípulos acercáronse en privado e preguntáronlle: “Dinos, cando pasarán esas cousas? E cal será o sinal da túa presenza* e da parte final do sistema*​?”.  Xesús contestoulles: “Tede coidado de que ninguén vos engane,  porque moitos virán usando o meu nome e dicindo ‘Eu son o Cristo’, e enganarán a moita xente.  Ides oír falar de guerras e escoitaredes noticias de guerras. Aínda así non vos alarmedes, porque estas cousas teñen que suceder, pero aínda non é o fin.  ”As nacións loitarán* unhas contra outras e os reinos pelexarán uns contra outros, e en moitos lugares haberá fame e terremotos.  Todas estas cousas son só o principio de grandes sufrimentos*​.  ”Entón perseguiranvos* e mataranvos, e tódalas nacións vos odiarán porque sodes os meus seguidores*​. 10  E entón moitos perderán a fe, traizoaranse uns ós outros e odiaranse uns ós outros. 11  Aparecerán moitos falsos profetas que enganarán a moita xente 12  e, ó aumentar a maldade*​, desaparecerá* o amor da maioría. 13  Pero Deus salvará a quen aguante ata o fin. 14  E as boas noticias do Reino predicaranse* por toda a terra habitada para que tódalas nacións poidan escoitalas*​, e entón virá o fin. 15  ”Polo tanto, cando vexades a cousa noxenta que causa destrución, da que falou o profeta Daniel, de pé no lugar santo (que o lector entenda ben* o que se dixo), 16  entón os que estean en Xudea, que escapen para as montañas. 17  Quen estea no alto* da súa casa, que non entre a coller as súas cousas, 18  e quen estea no campo, que non volva a buscar o seu manto. 19  Pobres das mulleres que estean embarazadas ou dando o peito neses días! 20  Orade unha e outra vez para que non teñades que escapar en inverno ou en sábado. 21  Porque entón haberá unha gran tribulación* como nunca a houbo desde o principio do mundo ata agora, nin nunca máis a haberá. 22  De feito, se ese tempo non se acortase non se salvaría ninguén, pero vaise acortar polos escollidos. 23  ”Entón, se alguén vos di ‘Mirade! O Cristo está aquí’ ou ‘Está alá’, non o creades. 24  Porque haberá cristos falsos e profetas falsos que farán grandes milagres e cousas impresionantes para intentar enganar incluso os escollidos. 25  Recordade que vos advertín sobre estas cousas. 26  Por iso, se alguén vos di sobre o Cristo ‘Mirade! Está no deserto’, non vaiades. E se alguén vos di ‘Mirade! Está dentro da casa*​’, non o creades. 27  Porque a presenza* do Fillo do Home será coma o lóstrego que aparece no leste e se pode ver incluso desde o oeste. 28  As aguias xuntaranse onde estea o cadáver. 29  ”Inmediatamente despois deses días de tribulación, o sol escurecerá, a lúa non brillará, as estrelas caerán do ceo e os poderes dos ceos serán sacudidos. 30  Entón, o sinal do Fillo do Home aparecerá no ceo e tódolos pobos da terra lamentaranse*​. Verán o Fillo do Home vindo sobre as nubes do ceo con poder e gran gloria. 31  E el enviará os seus anxos cun gran son de trompeta e eles reunirán os seus escollidos desde os catro ventos*​, desde un extremo dos ceos ata o outro. 32  ”Aprendede desta comparación sobre a figueira. Cando lle medran pólas novas e bota follas, sabedes que o verán está cerca. 33  Igualmente, cando vexades todas estas cousas, podedes estar seguros de que o Fillo do Home está cerca, ás portas. 34  Asegúrovos que de ningunha maneira desaparecerá esta xeración ata que sucedan todas estas cousas. 35  O ceo e a terra desaparecerán, pero as miñas palabras non desaparecerán nunca. 36  ”Ninguén sabe o día e a hora, nin os anxos dos ceos nin o Fillo, só o Pai. 37  Porque a presenza* do Fillo do Home será tal como eran os días de Noé. 38  Naqueles días antes do Diluvio, a xente comía, bebía e casaba... ata que Noé entrou na arca. 39  E non fixeron caso ata que veu o Diluvio e os destruíu a todos. Así será a presenza do Fillo do Home. 40  Entón dous homes estarán no campo, e Deus levará a un pero abandonará o outro. 41  Dúas mulleres estarán moendo co muíño de man, e Deus levará a unha pero abandonará a outra. 42  Así que estade sempre vixiantes, porque non sabedes o día no que vén o voso Señor. 43  ”Tede en conta que se o dono da casa soubese en que momento da noite* vai vir o ladrón, quedaría desperto e non deixaría que lle entrase na casa. 44  Por iso, estade preparados, porque o Fillo do Home virá cando menos o esperedes. 45  ”Quen é en realidade o escravo fiel e prudente a quen o seu amo puxo a cargo dos servos da casa para que lles dese o seu alimento ó tempo debido? 46  Que feliz será ese escravo se o seu amo o encontra facendo iso cando veña! 47  Asegúrovos que o poñerá a cargo de tódolos seus bens. 48  ”Pero se o escravo demostra ser malo e* algunha vez pensa ‘O meu amo está tardando’ 49  e empeza a pegarlles ós seus compañeiros e a comer e a beber cos borrachos, 50  entón o amo dese escravo virá un día que el non espera e a unha hora que el non coñece 51  e castigarao co peor dos castigos, e poñerao cos hipócritas. Aí é onde chorará cheo de desesperación e de rabia*​.

Notas ó pé

Ou “da era”. Ver glosario sistema.
Lit. “levantaranse”.
Lit. “de dolores de parto”.
Lit. “entregaranvos a tribulación”.
Ou “porque levades o meu nome”.
Lit. “a desobediencia á lei”, é dicir, o desprezo polas leis de Deus.
Ou “volverase frío”.
Ou “anunciaranse publicamente”, “proclamaranse”.
Ou “para dar testemuño a tódalas nacións”.
Ou “que o lector teña discernimento sobre”, é dicir, o lector da profecía de Daniel.
Ou “na azotea”.
Ou “grande angustia”.
Ou “nos cuartos interiores”.
Ou “daranse golpes no peito pola pena”.
É dicir, os catro puntos cardinais.
Lit. “en que vixilia”.
Ou “se ese escravo malo”.
Lit. “e apertará os dentes”.