Ir ó contido

Cal é o punto de vista das testemuñas de Xehová sobre a educación?

Cal é o punto de vista das testemuñas de Xehová sobre a educación?

 O noso punto de vista sobre a educación baséase nos principios que atopamos na Biblia. Cada testemuña de Xehová segue a súa conciencia educada polo que di a Biblia á hora de decidir como aplicar principios como os seguintes. a

 A educación é moi importante

 A educación axuda ás persoas a desenvolver o intelecto e a ser máis competentes e hábiles, calidades ás que se lle dá moita importancia na Biblia (Proverbios 2:10, 11; 3:21, 22). Ademais, Xesús encomendoulles ós seus seguidores que ensinasen a outros canto lles mandara (Mateo 28:19, 20). Para que todos poidamos ensinar ben, animamos e axudamos a tódolos nosos compañeiros de crenza a ter unha boa educación, que inclúa ler e escribir ben, saber comunicar b e ter coñecementos doutras relixións e culturas (1 Corintios 9:20-22; 1 Timoteo 4:13).

 Os gobernos tamén consideran importante a educación. Por iso en moitos países é obrigatorio cursar o ensino primario e o secundario. As testemuñas de Xehová seguimos o que di Romanos 13:1: “Sométase toda persoa ás autoridades constituídas”, é dicir, obedecemos as leis dos gobernos. A Biblia tamén di: “Todo canto fagades, facédeo con toda a alma, como para o Señor e non para os homes” (Colosenses 3:23). Por iso, animamos os nosos fillos a aplicarse na escola e esforzarse ó máximo. c

 A educación axúdanos a coidar da familia. A Biblia di: “Se algún non coida dos seus e maiormente dos da propia familia, arrenega da fe, é peor ca un non crente” (1 Timoteo 5:8). Ter unha boa educación pode axudarnos a cumprir coa nosa responsabilidade de coidar da familia. A obra de consulta The World Book Encyclopedia afirma que un dos propósitos principais da educación é “capacitar as persoas para ser membros produtivos da sociedade”. Será máis fácil que poidamos gañar dabondo para coidar da nosa familia se temos unha boa educación e somos mañosos. Sen coñecementos e habilidades básicos todo é máis difícil (Proverbios 22:29).

 Outra forma na que os pais coidan dos seus fillos é preparándoos para a vida adulta. Nisto a escola xoga un papel fundamental (2 Corintios 12:14). Por iso as testemuñas de Xehová animamos os pais a procurar unha boa educación para os fillos, mesmo se non é gratuíta, resulta de difícil acceso ou vai en contra da cultura local. d Tamén lles damos consellos prácticos sobre como participar activamente na educación dos fillos. e

 Un punto de vista equilibrado da educación

 Analizamos as opcións. A Biblia di: “O inxenuo dá creto ó que sexa, o asisado calcula os seus pasos” (Proverbios 14:15). As testemuñas de Xehová aplicamos este principio bíblico ó analizarmos as opcións dispoñibles para a educación postobrigatoria así como o seu custo e vantaxes. Por exemplo, a formación profesional a miúdo capacita, en relativamente pouco tempo, para entrar no mundo laboral.

 A educación bíblica é a máis valiosa. A educación baseada na Biblia proporciona unha vantaxe que a educación segrar non pode ofrecer. Grazas a ela podemos chegar a coñecer a Deus, o que pode cambiar considerablemente as nosas perspectivas de futuro (Xoán 17:3). Tamén nos ensina valores morais que nos axudarán a distinguir “o dereito, a xustiza e boa lei: tódalas xeiras da felicidade” (Proverbios 2:9). O apóstolo Paulo cursou estudos que poderían equivaler á formación universitaria actual, porén recoñeceu o “grande que é coñecer a Cristo Xesús” (Filipenses 3:8; Feitos 22:3). Do mesmo xeito, moitas testemuñas de Xehová que cursaron estudos superiores consideran que a educación bíblica é a máis valiosa. f

Aprender o que di a Biblia ensínamos valores morais elevados

 A educación superior pode expoñernos a perigos

 Un proverbio bíblico di: “O asisado ve o perigo e apártase” (Proverbios 22:3). Ese perigo moral e espiritual pódese atopar en moitas universidades e centros de estudos superiores. Avaliamos o perigo de guiarnos por mitos ou conceptos erróneos que impregnan o ambiente de moitos deste centros. Por esa razón, moitas testemuñas de Xehová escollen non exporse eles ou os seus fillos a eses perigos. Algúns destes mitos son os seguintes:

  •   Mito. Os cartos traen felicidade e seguridade

     Moitos din que para conseguir un traballo ben pagado o mellor é optar polo ensino superior. Cada vez máis estudantes cursan estudos universitarios por este motivo, e teñen a esperanza de que os cartos lles traerán felicidade e seguridade. Pero a Biblia advirte que esta forma de pensar acaba en frustración (Eclesiastés 5:9 [5:10, NM]). Por riba, a Biblia di que “a raíz de tódolos males é a avaricia” e que o amor ós cartos a miúdo afasta da fe (1 Timoteo 6:10). As testemuñas de Xehová facemos todo o posible por non caer no “engado das riquezas” (Mateo 13:22).

  •   Mito. O ensino superior colócate nun status superior

     Por exemplo, Nika Gilauri, un ex-primeiro ministro de Xeorxia, escribiu respecto ó punto de vista sobre a educación no seu país: “En Xeorxia, ter estudos universitarios é practicamente obrigatorio para o status social.” Explicou que isto se debe a que no pasado a percepción xeral era que “os mozos que non ían á universidade eran unha vergonza para as familias”. g Pola contra, a Biblia advirte dos perigos de buscar prominencia. Xesús dixo dos guías relixiosos do seu tempo: “¿Como ides poder crer vós, que vos dades honra uns a outros?” (Xoán 5:44). O ambiente que hai nas universidades podería fomentar en nós un espírito de altiveza, cousa que Deus odia (Proverbios 6:16, 17; 1 Pedro 5:5).

  •   Mito. Cadaquén decide o que está mal ou ben

     As testemuñas de Xehová aceptan os estándares de Deus sobre o que está mal e o que está ben (Isaías 5:20). Pero como explicou un artigo publicado en Journal of Alcohol and Drug Education, a presión que moitos mozos reciben nas universidades failles “tomar decisións contrarias ó que consideran que está mal ou ben” h. Este comentario concorda co principio bíblico que di “malas compañías estragan bos costumes” (1 Corintios 15:33). Nas universidades tamén son comúns e ata se fomentan condutas que Deus non aproba como a borracheira, as drogas ou as relacións sexuais fóra do matrimonio (1 Corintios 6:9 ,10; 2 Corintios 7:1).

  •   Mito. A educación superior é a mellor maneira de cambiar o mundo

     Así a todo, tamén hai moitos que optan por unha educación superior non para facer cartos, mellorar o status ou divertirse sen control, senón que desexan mellorar como persoas e axudar a mellorar o mundo. Estes son motivos moi nobres, pero as testemuñas de Xehová escollemos un camiño diferente. Como fixo Xesús, confiamos no Reino de Deus como a única esperanza para un mundo mellor (Mateo 6:9, 10). Pero non esperamos pasivamente a que o Reino solucione os problemas que hai no mundo. Máis ben, coma Xesús, compartimos a “Boa Nova do Reino” por toda a terra, axudando tódolos anos a milleiros de persoas a mellorar as súas vidas i (Mateo 24:14).

a Os mozos que aínda viven na casa dos pais déixanse guiar por eles no asunto da educación, agás lles aconsellen algo en contra do que di a Biblia (Colosenses 3:20).

b Para acadar este obxectivo levamos publicadas máis de once millóns de copias de publicacións destinadas a este fin. Unha delas é o folleto Melloremos na lectura e no ensino. Ademais, impartimos clases gratuítas de alfabetización en cento vinte idiomas por todo o mundo. Entre 2003 e 2017 ensinamos a ler e escribir a máis de setenta mil persoas.

c Ver o artigo “¿Debería dejar de estudiar?”

d Por exemplo, animamos a que os pais manden á escola tanto a fillos como a fillas. Ver o artigo “¿Debería ir mi hijo a la escuela?” de La Atalaya do 15 de marzo de 2003.

f Ver a sección de jw.org “Opiniones sobre el origen de la vida”.

g Practical Economics: Economic Transformation and Government Reform in Georgia 2004—2012, páxina 170.

h Volume 61, número 1, abril de 2017, páxina 72.

i Ver a sección de jw.org titulada “A Biblia cambioulles a vida”. Aí atoparás casos reais de como a Palabra de Deus e a mensaxe do Reino cambiou a vida de moitas persoas.