Ir ó contido

Que é o espírito santo?

Que é o espírito santo?

O que di a Biblia

 O espírito santo é o poder de Deus en acción, a súa forza activa (Miqueas 3:8; Lucas 1:35). Deus envía o seu espírito, é dicir, proxecta ou dirixe a súa enerxía a calquera lugar para que se cumpra a súa vontade (Salmo 104:30; 139:7).

 Na Biblia, a palabra “espírito” corresponde ó termo hebreo rúaj e ó termo grego pneuma. A maioría das veces estas palabras refírense á forza activa ou espírito santo de Deus (Xénese 1:2, nota). Con todo, na Biblia estas palabras tamén se usan con outros significados:

  •   Alento (Habacuc 2:19; Santiago 2:26).

  •   Vento (Xénese 8:1; Xoán 3:8).

  •   A forza vital ou enerxía que mantén vivos os animais e as persoas (Xob 34:14, 15).

  •   A actitude dunha persoa (Números 14:24).

  •   Seres espirituais, como Deus e os anxos (1 Reis 22:21; Xoán 4:24).

 Todos estes significados refírense a cousas que son invisibles para os humanos pero que producen efectos visibles. Do mesmo xeito, o espírito de Deus, “igual que o vento, é invisible, inmaterial e poderoso” (Diccionario expositivo de palabras del Antiguo y Nuevo Testamento exhaustivo, de W. E. Vine).

 A Biblia tamén se refire ó espírito santo como o “dedo” ou a “man” de Deus (Éxodo 8:15 [8:19, NM]; Salmo 8:4; 19:2 [8:3; 19:1, NM]). Igual ca un artesán usa as súas mans e os seus dedos para facer o seu traballo, Deus usou o seu espírito...

  •   para crear o Universo (Salmo 33:6; Isaías 66:1, 2).

  •   para inspirar a Biblia (2 Pedro 1:20, 21).

  •   para que os seus servos do pasado puidesen facer milagres e predicar (Lucas 4:18; Feitos 1:8; 1 Corintios 12:4-11).

  •   para facer que as persoas que o obedecen demostren boas calidades (Gálatas 5:22, 23).

O espírito santo non é unha persoa

 Ó referirse ó espírito santo como as “mans”, o “dedo” ou o “alento” de Deus, a Biblia demostra que este espírito non é unha persoa (Éxodo 15:8, 10). As mans dun artesán non traballan pola súa conta porque non poden actuar de xeito independente do cerebro ou separadas do corpo. Do mesmo xeito, o espírito de Deus non pode actuar por si mesmo, é Deus quen o dirixe (Lucas 11:13). A Biblia tamén compara o espírito de Deus coa auga e relaciónao con cousas impersoais como a fe e o siso. Estas comparacións tamén demostran que o espírito santo non é unha persoa (Isaías 44:3; Feitos 6:5; 2 Corintios 6:6).

 A Biblia menciona o nome de Deus, Xehová, e o do seu fillo, Xesús, pero en ningún momento di que o espírito santo teña un nome (Isaías 42:8; Lucas 1:31). Cando Estevo, o primeiro mártir cristián, tivo unha visión do ceo, só viu dúas persoas, non tres. A Biblia di: “El, cheo do Espírito Santo e cos ollos cravados no ceo, viu a gloria de Deus e a Xesús de pé á dereita de Deus” (Feitos 7:55). O espírito santo foi simplemente o poder que Deus utilizou para que Estevo puidese ter esa visión.

Ideas equivocadas sobre o espírito santo

 Idea equivocada. O espírito santo é unha persoa e forma parte da Trindade. Así o dan a entender en 1 Xoán 5:7, 8 algunhas versións da Biblia, como a Vulgata Latina.

 Realidade. A Vulgata incluíu en 1 Xoán 5:7, 8 as seguintes palabras: “no ceo: o Pai, a Palabra e mailo Espírito Santo; e estes tres son un. E hai tres que testemuñan na terra” (1 Xoán 5:7, nota). Non obstante, os investigadores descubriron que esas palabras non foron escritas polo apóstolo Xoán e polo tanto non forman parte da Biblia. O profesor Bruce M. Metzger escribiu: “Estas palabras son espurias, e [...] non teñen dereito a permanecer no Novo Testamento” (Un comentario textual al nuevo testamento griego).

 Idea equivocada. A Biblia personifica o espírito santo e iso demostra que é unha persoa.

 Realidade. É certo que na Biblia ás veces personifícase o espírito santo, pero iso non demostra que sexa unha persoa. Noutros textos tamén se personifica a sabedoría, a morte e o pecado (Proverbios 1:20; Romanos 5:17, 21). Por exemplo, dise que a sabedoría ten “obras” e “fillos”. Tamén se di que o pecado fai medrar en nós a cobiza, extravía e leva á morte (Mateo 11:19; Lucas 7:35; Romanos 7:8, 11).

 Do mesmo xeito, Xesús referiuse ó espírito santo no Evanxeo de Xoán como un axudante, o “Paráclito”. Este axudante convencería, encamiñaría, falaría, diría, escoitaría, anunciaría, glorificaría e recibiría. Hai quen di que o espírito santo debe ser unha persoa porque Xoán utilizou o pronome persoal masculino do idioma grego para referirse a el (Xoán 16:7-15). Pero fíxoo porque o grego, a diferenza do galego, clasifica os substantivos e os pronomes en masculinos, femininos e neutros. Como o substantivo grego que utilizou Xoán para referirse ó axudante (parakletos) é masculino, o pronome tamén ten que ser masculino. En cambio, cando se referiu ó espírito santo co substantivo neutro pneuma, que se traduce “espírito”, empregou un pronome neutro (Xoán 14:16, 17).

 Idea equivocada. O bautismo no nome do espírito santo demostra que é unha persoa.

 Realidade. Ás veces a Biblia utiliza a expresión “no nome de” para indicar que alguén fai algo co poder ou a autoridade que se lle deu (Deuteronomio 18:5, 19-22; Ester 8:10). Por exemplo, en galego tamén empregamos a expresión “en nome da lei”, pero iso non significa que a lei sexa unha persoa. Quen se bautiza “no nome do espírito santo” recoñece o papel que ten ese espírito no cumprimento da vontade de Deus (Mateo 28:19).

 Idea equivocada. Os apóstolos e outros discípulos de Xesús crían que o espírito santo era unha persoa.

 Realidade. Nin a Biblia nin a historia din tal cousa. A Encyclopædia Britannica di: “A doutrina de que o Espírito Santo era unha Persoa distinta e de natureza divina [...] definiuse no Concilio de Constantinopla no ano 381 despois de Cristo”. Isto foi máis de 250 anos despois da morte do derradeiro apóstolo.