As boas noticias segundo Lucas 11:1-54

  • Como orar (1-13)

    • A oración modelo (2-4)

  • Xesús bota demos fóra mediante o poder de Deus (14-23)

  • Cando un demo volve a entrar nunha persoa (24-26)

  • A verdadeira felicidade (27, 28)

  • O sinal de Xonás (29-32)

  • A luz do corpo (33-36)

  • Xesús condena os líderes relixiosos hipócritas (37-54)

11  Nunha ocasión, Xesús estaba orando en certo sitio e, cando terminou, un dos seus discípulos pediulle: “Señor, ensínanos a orar, igual que Xoán lles ensinou a orar ós seus discípulos”.  Entón, el díxolles: “Cando oredes, dicide: ‘Pai, que o teu nome sexa santificado*​. Que veña o teu Reino.  Dános cada día o pan que necesitamos para ese día.  Perdoa os nosos pecados, porque nós tamén perdoamos os que pecaron contra nós*​. E non nos deixes caer na tentación’”.  Entón díxolles: “Imaxinade que un de vós ten un amigo, e á medianoite vai a velo e dille: ‘Amigo, déixame tres pans,  porque acaba de chegarme á casa outro amigo que está de viaxe e non teño nada que darlle’.  E el di desde dentro: ‘Deixa de molestarme. A porta xa está pechada con chave e os meus nenos e mais eu xa estamos na cama. Non me podo levantar a darche nada’.  Dígovos que aínda que non se levante a darlle algo por ser o seu amigo, seguro que ó final se levantará e lle dará todo o que necesite porque se atreveu a seguir insistindo.  Por iso vos digo: seguide pedindo e recibiredes, seguide buscando e encontraredes, seguide petando á porta e abrirásevos. 10  Porque tódolos que piden recibirán, tódolos que buscan encontrarán e a tódolos que petan á porta abriráselles. 11  De feito, que pai hai entre vós que lle dea unha serpe ó seu fillo se lle pide un peixe? 12  Ou que lle dea un escorpión se lle pide un ovo? 13  Pois se vós, aínda que sodes pecadores, sabedes darlles bos regalos ós vosos fillos, podedes estar seguros de que* o voso Pai que está no ceo tamén lles dará espírito santo ós que llo pidan”. 14  Máis tarde, botou fóra dun home un demo que o deixara mudo*​. Cando o demo saíu, o mudo empezou a falar e as multitudes quedaron pasmadas. 15  Pero algúns deles dixeron: “Este bota fóra os demos co poder de Belcebú*​, o gobernante dos demos”. 16  E outros empezaron a esixirlle un sinal do ceo para poñelo a proba. 17  Como Xesús sabía o que estaban pensando, díxolles: “Todo reino que está dividido internamente vai á ruína, e unha familia* que está dividida internamente vénse abaixo. 18  Da mesma maneira, se Satanás está dividido internamente, como poderá manterse en pé o seu reino? Porque vós dicides que eu boto fóra os demos co poder de Belcebú. 19  Se eu boto fóra os demos co poder de Belcebú, quen lles dá ós vosos discípulos o poder para facer o mesmo? Os vosos propios discípulos demostrarán que o que dicides non é certo*​. 20  Pero se eu boto os demos fóra mediante o poder de Deus*​, iso quere dicir que o Reino de Deus vos colleu por sorpresa. 21  Cando un home forte e ben armado vixía o seu palacio, os seus bens están seguros. 22  Pero cando alguén máis forte ca el o ataca e o vence, sácalle tódalas armas nas que confiaba e reparte as cousas que lle quitou. 23  O que non está comigo está contra min, e o que non me axuda a atraer as persoas apártaas de min*​. 24  ”Cando un demo sae dunha persoa, pasa polo deserto* buscando un sitio para descansar, pero como non o encontra, di: ‘Vou volver á casa da que marchei’. 25  E cando chega, encóntraa varrida e decorada. 26  Así que vai e leva con el outros sete demos aínda peores ca el e, despois de meterse dentro, quedan a vivir alí. Ó final, a situación desa persoa é peor que ó principio”. 27  Mentres Xesús dicía isto, unha muller berrou entre a multitude: “Feliz o ventre no que estiveches e os peitos que che deron de mamar!”. 28  Pero el contestoulle: “Non. En vez diso, felices os que escoitan a palabra de Deus e a obedecen!”. 29  Entón empezou a xuntarse máis e máis xente arredor del, e Xesús púxose a dicir: “Esta xeración é unha xeración malvada. Busca un sinal pero non se lle vai dar ningún, excepto o sinal do profeta Xonás. 30  Porque igual que Xonás chegou a ser un sinal para os ninivitas, o Fillo do Home será un sinal para esta xeración. 31  A raíña de Saba* resucitará* no Día do Xuízo xunto cos homes desta xeración e condenaraos, porque ela veu desde moi lonxe para escoitar a sabedoría de Salomón. Pois, mirade! Aquí hai alguén máis importante que Salomón. 32  Os habitantes de Nínive resucitarán* no Día do Xuízo xunto con esta xeración e condenarana, porque eles se arrepentiron ó escoitar o que Xonás predicou. Pois, mirade! Aquí hai alguén máis importante que Xonás. 33  Despois de prender un candil*​, ninguén o esconde nin o tapa cun cesto, senón que o pon nun sitio alto para que os que entren vexan a luz. 34  Os teus ollos son a luz* do corpo. Cando os teus ollos están ben enfocados*​, todo o teu corpo brilla. Pero cando os teus ollos miran con envexa*​, o teu corpo está escuro. 35  Así que ten coidado de que a luz que hai en ti non sexa escuridade. 36  Por iso, se todo o teu corpo brilla e non hai ningunha parte en escuridade, todo estará brillante, igual que cando un candil te ilumina coa súa luz”. 37  Despois de dicir isto, un fariseo invitouno a comer. Entón Xesús entrou na súa casa e sentouse* á mesa. 38  Pero o fariseo estrañouse ó ver que Xesús non se lavaba* antes de comer. 39  Entón o Señor díxolle: “Vós, os fariseos, sodes coma unha copa e un prato que están limpos por fóra, pero por dentro estades cheos de cobiza* e de maldade. 40  Que insensatos sodes! O que fixo o de fóra tamén fixo o de dentro, non? 41  Así que, cando axudedes ós necesitados*​, dádelles as cousas que saen de dentro do voso corazón e entón estaredes limpos en tódolos sentidos. 42  Pobres de vós, fariseos! Porque dades a décima parte da menta, da ruda e de tódalas outras herbas*​, pero descoidades a xustiza e o amor a Deus! É verdade que estabades obrigados a dar esas cousas, pero sen descoidar estas outras. 43  Pobres de vós, fariseos! Porque vos encanta sentarvos nos mellores asentos* nas sinagogas e que a xente vos saúde nas prazas dos mercados! 44  Pobres de vós! Porque sodes coma esas tumbas* que case nin se ven* e polas que a xente pasa por enriba sen darse conta!”. 45  Un dos expertos na Lei respondeulle: “Mestre, dicindo iso tamén nos insultas a nós”. 46  Entón Xesús dixo: “Pobres de vós tamén, expertos na Lei! Porque poñedes enriba da xente cargas difíciles de levar, pero vós non as tocades nin cun dedo! 47  ”Pobres de vós! Porque renovades as tumbas* dos profetas, pero os vosos antepasados matáronos! 48  Está claro que sabedes o que fixeron os vosos antepasados, e aínda así aprobádelo. Porque eles mataron os profetas, pero vós renovades as súas tumbas. 49  Por iso a sabedoría de Deus tamén dixo: ‘Voulles mandar profetas e apóstolos, e a algúns deles mataranos e perseguiranos. 50  Por esta razón, a esta xeración váiselle reclamar o sangue de tódolos profetas que se derramou desde o principio da humanidade*​, 51  desde o sangue de Abel ata o de Zacarías, a quen mataron entre o altar e o templo*​’. Dígovos que a esta xeración se lle vai reclamar o sangue de todos eles. 52  ”Pobres de vós, expertos na Lei! Porque lle quitastes a chave do coñecemento á xente! Vós non entrastes* e poñédeslles obstáculos ós que están entrando!”. 53  Cando saíu de alí, os escribas e os fariseos empezaron a facer moitísima presión sobre Xesús e a acosalo con moitas máis preguntas, 54  coa intención de poder acusalo por algo que dixese.

Notas ó pé

Ou “sexa tratado como santo ou sagrado”. Ver glosario santificar.
Lit. “os que están en débeda con nós”.
Ou “con moita máis razón”.
Lit. “un demo mudo”.
Un nome aplicado a Satanás. Ver glosario Belcebú.
Lit. “casa”.
Lit. “Eles serán os vosos xuíces”.
Lit. “o dedo de Deus”.
Ou “e o que non recolle comigo espalla”.
Ou “raíña do sur”.
Lit. “será levantada”.
Lit. “levantaranse”.
Ou “unha lámpada de aceite”.
Ou “a lámpada”.
É dicir, buscan moitas cousas. Lit. “cando é malvado”.
Ou “Cando ves con claridade”. Lit. “Cando o teu ollo é sinxelo”.
Ou “reclinouse”.
Refírese á limpeza cerimonial das mans.
É dicir, desexo moi forte de ter máis.
Ou “fagades dádivas de misericordia”. Ver glosario dádivas de misericordia.
Ou “hortalizas”.
Ou “nos asentos de diante”.
Ou “tumbas conmemorativas”.
Ou “que non están sinalizadas”.
Ou “tumbas conmemorativas”.
Lit. “desde a fundación do mundo”. Parece que se refire ó nacemento dos fillos de Adán e Eva.
Lit. “a casa”.
Refírese ó Reino dos ceos. Ver Mt 23:13.