Ir ó contido

A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA

“Querían que descubrise a verdade por min mesmo”

“Querían que descubrise a verdade por min mesmo”
  • ANO DE NACEMENTO: 1982

  • PAÍS DE ORIXE: REPÚBLICA DOMINICANA

  • OUTROS DATOS: FOI CRIADO NA RELIXIÓN MORMONA

O MEU PASADO

Nacín en Santo Domingo, capital da República Dominicana, e son o menor de catro fillos. Meus pais eran moi educados, así que querían que nós tamén recibísemos unha boa educación e que estivésemos rodeados de persoas boas e honestas. Catro anos antes de que eu nacese, coñeceron uns misioneiros mormóns e quedaron moi impresionados pola súa cortesía e polo limpos e ben vestidos que ían. Ó pouco tempo, a nosa familia converteuse nunha das primeiras da República Dominicana en unirse á Igrexa de Xesucristo dos santos dos últimos días, tamén coñecida como igrexa mormona.

Sempre participaba nas actividades sociais da igrexa, pero o que máis me gustaba era a importancia que se lles daba á familia e ós valores morais. Sentíame orgulloso de ser mormón e púxenme a meta de ser misioneiro.

Cando cumprín 18 anos, a miña familia mudouse ós Estados Unidos para que eu puidese ir a unha boa universidade. Un ano máis tarde, meus tíos, que son testemuñas de Xehová, viñeron visitarnos a Florida e invitáronnos a acompañalos a un congreso bíblico. Chamoume moito a atención ver que todo o mundo estaba buscando os textos na súa Biblia e tomando notas, así que pedín papel e un bolígrafo e púxenme a facer o mesmo.

Despois do congreso, meus tíos dixéronme que, como estaba interesado en ser misioneiro, podían axudarme a coñecer mellor a Biblia. Pareceume boa idea, pois naquel momento sabía máis do Libro de Mormón que da propia Biblia.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA

Cando os meus tíos marcharon, continuamos as nosas conversas bíblicas por teléfono. Sempre me animaban a comparar as miñas crenzas co que di a Biblia. Querían que descubrise a verdade por min mesmo.

Había moitas cousas da miña relixión que daba por certas, pero a realidade é que non sabía se estaban de acordo co que ensina a Biblia. Miña tía envioume a revista ¡Despertad! do 8 de novembro de 1995, publicada polas testemuñas de Xehová, que contiña dous artigos sobre a fe mormona. Sorprendeume darme conta de que descoñecía moitas das doutrinas da miña relixión, así que busquei no sitio web oficial dos mormóns para comprobar se era certo o que dicía a revista; e si, era certo. De feito, encontrei aínda máis probas ó visitar varios museos mormóns no estado de Utah.

Sempre crera que a Biblia e o Libro de Mormón se complementaban. Pero, cando empecei a ler a Biblia máis en serio, descubrín que se contradicían. Por exemplo, en Ezequiel 18:4 a Biblia di que a alma morre. En cambio, o Libro de Mormón di en Alma 42:9 que a alma nunca pode morrer.

Ademais destas diferenzas doutrinais, tamén me confundían as ideas nacionalistas dos mormóns. Por exemplo, ensinan que o xardín de Edén estaba no que hoxe é o condado de Jackson (Missouri, Os Estados Unidos). Ademais, os profetas da igrexa mormona din que “cando o Reino de Deus goberne, a bandeira dos Estados Unidos ondeará con orgullo, sen mancha ningunha, no pau da liberdade e a igualdade de dereitos”.

Preguntábame que lle pasaría ó meu país e ós demais cando iso pasase. Unha tarde recibín a chamada dun coñecido que estaba estudando para ser misioneiro, e saqueille o tema. Pregunteille directamente: “Se o teu país estivese en guerra con outro, loitarías contra os mormóns dese país?”. Para a miña sorpresa, respondeu que si. Seguín investigando os ensinos da miña relixión e consultei algúns líderes respectados da igrexa mormona, pero dixéronme que as respostas ás miñas preguntas eran misterios que se aclararían ó seu debido tempo.

Quedei decepcionado coas súas explicacións. Empecei a preguntarme por que quería ser misioneiro e deime conta de que, para min, era como apoiar calquera outra causa humanitaria. Tamén me atraía o prestixio que obteñen os que realizan ese labor. Pero en realidade sabía moi pouco de Deus. Aínda que lera da Biblia moitas veces, nunca lle dera a importancia que merece. Nin sequera sabía do propósito de Deus para a Terra e a humanidade.

OS BENEFICIOS

Ó estudar as Escrituras coas testemuñas de Xehová aprendín moitas cousas como, por exemplo, cal é o nome de Deus, que nos pasa ó morrer e cal é o papel de Xesús no cumprimento do propósito de Deus. Por fin empezaba a coñecer este marabilloso libro e encantábame falarlles a outros das verdades que estaba aprendendo. Sempre souben que Deus existía, pero agora podo orarlle e falar con el como o meu mellor amigo. O 12 de xullo de 2004 bauticeime como testemuña de Xehová e seis meses despois fíxenme evanxelizador a tempo completo.

Traballei durante cinco anos na sede central das testemuñas de Xehová, en Brooklyn (Nova York). Durante eses anos desfrutei moito de axudar na produción de biblias e outras publicacións bíblicas para o beneficio de millóns de persoas de todo o mundo, e agora sigo desfrutando de axudar a outros a coñecer a Deus.