Ir ó contido

Ir ó índice

A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA

Caín moitas veces pero ó final conseguino

Caín moitas veces pero ó final conseguino
  • ANO DE NACEMENTO: 1953

  • PAÍS DE ORIXE: AUSTRALIA

  • OUTROS DATOS: ERA ADICTO Á PORNOGRAFÍA

O MEU PASADO

En 1949 meu pai emigrou de Alemaña a Australia en busca de traballo no sector da minería e da industria eléctrica. Instalouse nunha zona rural do estado de Victoria, onde casou coa miña nai. Eu nacín en 1953.

Só uns anos despois, miña nai empezou a estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová, así que as ensinanzas bíblicas formaron parte dos meus primeiros recordos. Pero meu pai odiaba as relixións. Volveuse violento e dominante, e miña nai tíñalle moito medo. Aínda así, ela continuou estudando a Biblia en segredo e gustáballe moito o que aprendía. Mentres meu pai estaba fóra, ensinábanos da Biblia á miña irmá e mais a min. Falábanos de que habería un futuro paraíso na Terra e que seriamos felices se obedeciamos o que di a Biblia (Salmo 37:10, 29; Isaías 48:17).

Meu pai era tan violento que, con 18 anos, sentín a necesidade de marchar da casa. Aínda que cría no que miña nai me ensinara sobre a Biblia, non apreciaba o valor que tiña, e non fixen caso dos seus consellos. Comecei a traballar como electricista nas minas de carbón. Cando tiña 20 anos, casei. A nosa primeira filla naceu tres anos despois. Isto fíxome pensar en cales eran as cousas máis importantes na miña vida. Sabía que a Biblia podía axudar a miña familia, así que empecei a estudala cunha testemuña de Xehová. Pero a miña muller opúxose tanto que, cando fun a unha reunión das testemuñas de Xehová, deume un ultimato. Díxome que escollese entre a Biblia e a miña familia. Sentinme tan impotente que cedín e cortei todo contacto coas testemuñas de Xehová. Máis tarde arrepentinme de non facer o que sabía que era correcto.

Un día, os meus compañeiros de traballo ensináronme pornografía. O que vin atraeume, pero ó mesmo tempo pareceume repugnante e fíxome sentir moi culpable. Recordaba o que aprendera na Biblia, así que pensei que Deus me ía castigar. Pero, como cada vez miraba máis imaxes obscenas, a miña actitude cara á pornografía cambiou e, co tempo, volvinme adicto a ela.

Durante os seguintes vinte anos, funme apartando máis e máis dos valores que miña nai se esforzara por ensinarme. O meu comportamento era un reflexo do que estaba metendo na miña mente. A miña fala era vulgar e os meus chistes eran obscenos. Cheguei a ter un concepto moi retorcido do sexo. Aínda que vivía coa miña muller, éralle infiel. Un día mireime ó espello e pensei: “Dás noxo”. Xa non tiña amor propio e odiábame a min mesmo.

Miña muller mais eu divorciámonos. A miña vida era un desastre. Entón, oreille a Xehová con todo o meu corazón e, aínda que xa pasaran vinte anos, retomei o meu curso da Biblia. Naquela época, meu pai morrera e miña nai xa se bautizara como testemuña de Xehová.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA

Había unha diferenza enorme entre o meu estilo de vida e o que ensina a Biblia. Pero esta vez estaba decidido a conseguir a paz mental que Deus promete na súa Palabra. Propúxenme abandonar a fala vulgar e controlar o meu temperamento. Tamén decidín deixar atrás o meu estilo de vida inmoral, o xogo, a bebida e non roubarlles máis ós meus xefes.

Os meus compañeiros de traballo non entendían por que quería facer eses cambios tan radicais. Estivéronme provocando constantemente durante tres anos para que volvese a ser o de antes. Se nalgún momento perdía o control e me enfadaba ou dicía unha palabra malsoante, eles berraban cheos de satisfacción: “Ah! Este é o noso Joe!”. Canto me doían esas palabras! Sentía que fracasara.

No meu lugar de traballo non conseguía fuxir da pornografía. Estaba por todas partes, tanto de forma electrónica como impresa. Os meus compañeiros enviábanse continuamente imaxes obscenas a través do ordenador, como facía eu antes. Esforzábame moito por vencer a miña adicción, pero parecía que eles estaban empeñados en que non o conseguise. Pendinlle axuda ó irmán que me daba o curso da Biblia. Cando lle contei como me sentía, escoitoume con paciencia. Ensinoume algúns textos bíblicos que me podían axudar a vencer este vicio e animoume a que lle pedise axuda continuamente a Xehová por medio da oración (Salmo 119:37).

Un día, no traballo, chamei a tódolos meus compañeiros. Cando xa estaban todos reunidos, díxenlles que lles desen un par de cervexas a dous compañeiros que sabiamos que eran alcohólicos. Todos protestaron: “Como imos facer iso! Estes homes están loitando contra unha adicción!”. E eu respondín: “Certo, pois eu tamén”. A partir daquel día, comprenderon que eu tamén estaba loitando contra a adicción á pornografía e deixaron de facer presión para que volvese a ser o de antes.

Co tempo, e grazas á axuda de Xehová, vencín a miña adicción á pornografía. En 1999 bauticeime como testemuña de Xehová. Síntome moi agradecido por ter esta segunda oportunidade de desfrutar dunha vida limpa e feliz.

Agora comprendo por que odia Xehová as cousas que eu amei durante tanto tempo. Como o pai amoroso que é, queríame protexer do dano que causa a pornografía. Que certas son as palabras de Proverbios 3:5, 6! Alí di: “Confía no Señor con todo o teu ser e non te apoies na propia intuición; teno en conta en tódolos teus camiños e El achanzará os teus vieiros”. Os principios bíblicos non só son unha protección, tamén son unha garantía de que nos vai ir ben na vida (Salmo 1:1-3).

OS BENEFICIOS

Antes, dábame noxo a min mesmo. Agora, teño amor propio e síntome en paz. Levo unha vida limpa e podo sentir o perdón e o apoio de Xehová. No ano 2000 casei con Karolin, unha fermosa cristiá que ama a Xehová tanto coma min. O noso fogar é un remanso de paz. Para nós é un privilexio formar parte dunha familia mundial de persoas que se mostran amor e que levan unha vida limpa.