Ir ó contido

Predicando con Tabitha, a miña muller

A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA

Para min, Deus non existía

Para min, Deus non existía
  • ANO DE NACEMENTO: 1974

  • PAIS DE ORIXE: REPÚBLICA DEMOCRÁTICA ALEMÁ

  • OUTROS DATOS: ERA ATEO

O MEU PASADO

Nacín nunha vila de Saxonia, na antiga República Democrática Alemá (RDA). Na casa había un ambiente moi agarimoso e meus pais ensináronme bos valores morais. A RDA era un país comunista, por iso para moita xente de Saxonia a relixión non era importante. Para min, Deus non existía. Houbo dúas ideoloxías que marcaron os primeiros 18 anos da miña vida: o ateísmo e o comunismo.

Por que me chamaba a atención o comunismo? Porque me gustaba a idea de que tódalas persoas fosen iguais. Cría que, para acabar coas diferenzas entre pobres e ricos, debían distribuírse as riquezas de xeito igualitario. Así que me metín nunha organización de xuventudes comunistas. Con 14 anos pasei moito tempo traballando nun proxecto de reciclaxe de papel. De feito as autoridades municipais de Aue agradecéronme os meus esforzos concedéndome unha condecoración. Malia ser novo, coñecín a políticos importantes da RDA. Sentía que ía polo bo camiño e que o meu futuro era brillante.

Pero de súpeto, o meu mundo véuseme abaixo. En 1989 caeu o muro de Berlín e con el o bloque comunista da Europa do leste. E despois desta veu outra. Axiña descubrín que as inxustizas foran comúns na RDA. Por exemplo, ás persoas que non apoiaran o comunismo tratáraselles coma cidadáns de segunda. Como era posible? Non defendiamos os comunistas que tódalas persoas somos iguais? Ou era o comunismo só unha ilusión? De súpeto sentín unha grande ansiedade.

Entón cambiei as miñas prioridades e centreime na música e na pintura. Entrei nunha escola superior de música coa idea de ir á universidade. Soñaba con ser un grande artista. Acabei deixando de lado os valores morais que me ensinaran de pequeno. O único que me importaba era pasalo ben, o que incluía saír con varias rapazas á vez. Pero a música, a arte e o estilo de vida liberal que levaba non acalmaron a miña ansiedade. E esa angustia reflectíase nos cadros que pintaba. Que ía pasar no futuro? Cal era o sentido da vida?

Cando por fin atopei as respostas que andaba buscando, quedei abraiado. Unha tarde, cando estaba en clase, sentei cuns rapaces que estaban falando do futuro. Entre eles estaba Mandy, * unha rapaza que era testemuña de Xehová. Díxome: “Andreas, se queres atopar a resposta ás túas preguntas sobre a vida e o futuro, investiga o que di a Biblia”. Deste xeito encamiñoume na dirección correcta.

Tiña as miñas dúbidas, pero ó mesmo tempo sentía algo de curiosidade. E gañou a curiosidade. Mandy faloume do capítulo 2 de Daniel e o que lin impresionoume moito. Esta profecía describe unha serie de potencias mundiais, ou gobernos, que terían un grande impacto ata os nosos días. Ademais ensinoume outras profecías da Biblia que falan sobre o noso futuro. Por fin estaba a atopar a resposta ás miñas preguntas! Pero, quen escribira estas profecías? Quen puido predicir o futuro dun xeito tan exacto? Podería ser que Deus si que existise?

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA

Mandy presentoume a Horst e a Angelika, unha parella de testemuñas de Xehová que me axudou a entender mellor a Palabra de Deus. Axiña me decatei de que esta é a única organización relixiosa que sempre emprega e dá a coñecer o nome de Deus, Xehová (Isaías 42:8; Mateo 6:9). Aprendín que Deus lles ofrece ós seres humanos a posibilidade de vivir para sempre nun paraíso aquí na Terra. Salmo 37:9 di: “Os que esperan no Señor posuirán a terra”. O que máis me gustou é que esta esperanza está aberta a tódalas persoas que se esforcen por vivir segundo as normas de Deus, que están na Biblia.

Inda así, custoume moito cambiar o meu estilo de vida para facer o que di a Biblia. O éxito que acadara como músico e pintor volveume unha persoa fachendosa, así que tiven que aprender a ser humilde. Tampouco non me foi doado deixar o meu estilo de vida liberal. Pero agradezo moito que Xehová sexa un Deus paciente, comprensivo e que está disposto a perdoar os que se esforzan por levar á práctica o que a Biblia ensina.

Durante os meus primeiros 18 anos educáronme no comunismo e no ateísmo, pero dende aquela a Biblia foi transformando a miña vida. O que aprendín acougou a ansiedade que sentía cara ó futuro e deulle sentido á miña vida. En 1993 bauticeime como testemuña de Xehová e no 2000 casei con Tabitha, unha entusiasta compañeira de crenzas. Pasamos todo o tempo que podemos axudando a outras persoas a coñecer o que di a Biblia. Moita da xente á que coñecemos ten unha formación semellante á miña, é comunista e atea. Síntome moi satisfeito cando lles axudo a coñecer a Xehová.

OS BENEFICIOS

Cando comecei a estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová os meus pais quedaron arrepiados. Pero co tempo foron vendo o bo efecto que isto tivo en min. E agora síntome moi feliz porque len a Biblia e van ás reunións das testemuñas de Xehová.

Tabitha e mais eu somos felices no noso matrimonio porque nos esforzamos por seguir con coidado os consellos que a Biblia dá para os casados. Por exemplo, a Biblia di que os casados deben ser fieis o un ó outro, seguir este consello fai que o noso matrimonio sexa aínda máis forte (Hebreos 13:4).

Agora xa non estou preocupado pola vida ou polo futuro. Síntome parte dunha familia mundial de testemuñas de Xehová que cren o mesmo ca min e que teñen verdadeira paz e unidade. Nesta familia todos somos iguais de verdade, algo no que sempre crin e que sempre busquei.

^ par.12 Cambióuselle o nome.