Ir ó contido

Como son as vodas das testemuñas de Xehová?

Como son as vodas das testemuñas de Xehová?

 As vodas das testemuñas de Xehová consisten a miúdo nunha cerimonia sinxela e digna na que se presenta unha breve conferencia baseada na Biblia. Despois da cerimonia pode haber un banquete. a Cando comezou o seu labor de predicar, Xesús asistiu a un casamento na cidade de Caná (Xoán 2:1-11).

 Como é a cerimonia?

 O aspecto primordial da cerimonia é a conferencia de voda. Dura uns trinta minutos e impártea un ministro relixioso das testemuñas de Xehová. Esta conferencia instrutiva e agarimosa subliña principios bíblicos que poden axudarlle á parella a ter un matrimonio duradeiro, cheo de amor e felicidade (Efesios 5:33).

 En moitos países, a lei permite que os ministros relixiosos das testemuñas de Xehová poidan oficiar vodas. Neste caso, cara ó final da conferencia, os noivos diranse os votos matrimoniais un ó outro. Tamén poden intercambiarse os aneis. Entón o ministro relixioso decláraos marido e muller.

 Noutros países, a lei esixe que unha parella case nun organismo gobernamental. A parella fai isto algún tempo antes da conferencia de voda. Se os noivos non intercambiaron os votos na voda civil, poderán facelo cara ó final da conferencia bíblica. Se xa os intercambiaron na cerimonia civil, poden optar por repetilos pero falando en tempo pasado. A conferencia bíblica remata cunha oración na que se pide que Deus bendiga o novo matrimonio.

 Onde se celebran?

 Moitas testemuñas de Xehová optan por faceren a súa cerimonia de voda nun Salón do Reino que estea dispoñible. b Se a parella vai facer un convite, este celebrarase noutro sitio.

 Quen pode asistir?

 Se a voda se celebra nun Salón do Reino, o normal é que poida asistir calquera persoa, sexa testemuña de Xehová ou non. Se os noivos organizan un convite, son eles os que deciden a quen invitar.

 Como hai que ir vestido?

 As vodas nun Salón do Reino non teñen ningún protocolo de vestir específico. As testemuñas de Xehová tratan de seguir os principios bíblicos e visten dun xeito que amose modestia e respecto por un evento tan importante; e agradecen que os demais fagan o mesmo (1 Timoteo 2:9). Por suposto, se vai haber banquete aplican estes mesmos principios.

 Hai agasallos de voda?

 A Biblia fomenta a xenerosidade (Salmo 37:21). Ás testemuñas de Xehová encántalles dar e recibir agasallos de voda (Lucas 6:38). Porén, as testemuñas de Xehová evitan pedir regalos ou anunciar publicamente o nome de quen fixo certo agasallo (Mateo 6:3, 4; 2 Corintios 9:7; 1 Pedro 3:8). Facelo vai en contra do que di a Biblia e, ademais, pode facer que algún invitado se sinta incómodo.

 Hai brindes?

 Non. As testemuñas de Xehová non brindan porque a práctica de facelo ten a súa orixe en costumes relixiosos falsos. c As testemuñas de Xehová expresan doutros xeitos os seus mellores desexos de felicidade para os noivos; pero non o fan brindando.

 Tiran arroz ou confeti?

 Non. Nalgúns lugares, a xente tíralles arroz, confeti ou algunha outra cousa ós noivos que veñen de casar. Coidan que iso lle traerá boa sorte, felicidade e unha longa vida ó matrimonio. Pero as testemuñas de Xehová evitan os costumes supersticiosos relacionados cos deuses da “Fortuna” e do “Destino”, xa que están en contra do que a Biblia ensina (Isaías 65:11, SBG).

 Hai comida e bebida?

 A cerimonia do casamento nun Salón do Reino non inclúe comida ou bebida. Algunhas parellas elixen ter un banquete despois da cerimonia (Eclesiastés 9:7). Se deciden servir alcohol, asegúranse de que sexa en cantidade moderada e só para maiores de idade (Lucas 21:34; Romanos 13:1, 13).

 Hai música e baile?

 Os noivos son quen deciden se haberá música e baile no convite (Eclesiastés 3:4). A música que escollan reflectirá bo gusto, e variará segundo as súas preferencias e cultura. A cerimonia nun Salón do Reino adoita incluír música con cancións baseadas nas Escrituras.

 Celebran as testemuñas de Xehová os aniversarios de voda?

 Xa que a Biblia non fala nin en contra nin a favor dos aniversarios de voda, cada matrimonio de testemuñas de Xehová escollerá se celebralos ou non. De decidiren facelo, poida que os celebren en privado ou con amigos e familiares.

a Os costumes, prácticas e requisitos legais poden variar segundo o lugar onde se celebre o casamento.

b O ministro relixioso que dá a conferencia non cobra nada, nin tampouco non se cobra por usar o Salón do Reino.

c Para unha análise sobre a orixe pagá dos brindes, podes consultar o libro Continúa no amor de Deus, páxina 181, parágrafos 19 e 20, e o artigo “Preguntas de los lectores” de La Atalaya do 15 de febreiro de 2007.