Ir ó contido

Por que as testemuñas de Xehová se manteñen á marxe da política?

Por que as testemuñas de Xehová se manteñen á marxe da política?

 Por motivos relixiosos, as Testemuñas de Xehová, baseándonos no que ensina a Biblia, mantémonos á marxe da política. Non facemos grupos de presión, non votamos por candidatos ou partidos políticos, non nos presentamos ás eleccións, e non participamos en accións antigobernamentais. Baseamos a nosa postura nas ensinanzas da Biblia.

  •   Seguimos o exemplo de Xesús, que rexeitou ser nomeado rei polos xudeus (Xoán 6:15). Referíndose ós seus discípulos, Xesús dixo “non son do mundo”, e deixoulles claro que non debían participar en asuntos políticos (Xoán 17:14, 16; 18:36; Marcos 12:13-17).

  •   Somos leais ó Reino de Deus, do que Xesús falou cando dixo: “Proclamarase esta Boa Nova do Reino en todas partes” (Mateo 24:14). Como representamos este goberno e proclamamos a súa chegada, mantémonos á marxe da política de calquera país, incluído o país no que vivimos (2 Corintios 5:20; Efesios 6:20).

  •   Debido á nosa postura apolítica, podemos falar con liberdade do Reino de Deus a persoas con todo tipo de ideas políticas. E tratamos de demostrar coas nosas palabras e accións que confiamos en que este Reino solucionará tódolos problemas do mundo (Salmo 56:12 [56:11, NM]).

  •   Se participásemos en política, a nosa irmandade internacional non estaría unida (Colosenses 3:14; 1 Pedro 2:17). Pola contra, cando as entidades relixiosas participan en temas políticos, xorden divisións entre os seus fieis (1 Corintios 1:10).

 Respectamos os gobernos. Aínda que nos mantemos á marxe da política, respectamos as autoridades civís do lugar onde vivimos. Seguimos o que di a Biblia: “Sométase toda persoa ás autoridades constituídas” (Romanos 13:1). Obedecemos as leis, pagamos os impostos, e cooperamos coas medidas que toman os gobernos pensando no benestar dos seus cidadáns. Ó mesmo tempo, non intervimos en ningún intento de cambiar as políticas e decisións gobernamentais. Máis ben, seguimos o consello da Biblia de orar “polos reis e por tódolos que ocupan altos cargos”, sobre todo cando están a tomar decisións que poden afectar á liberdade de culto (1 Timoteo 2:1, 2).

 Respectamos os dereitos doutras persoas a decidir en cuestións políticas. Por exemplo, non boicoteamos eleccións, e tampouco interferimos se alguén decide votar.

 É a nosa postura apolítica algo novo? Non. No primeiro século, os apóstolos e outros cristiáns adoptaron a mesma postura. O libro Beyond Good IntentionsA Biblical View of Politics (Máis que boas intencións. A visión bíblica da política) afirma: “Aínda que pensaban que tiñan a obriga de honrar as autoridades gobernamentais, os primeiros cristiáns non pensaban que debían participar en política”. Ademais, Oríxenes, teólogo que viviu entre os séculos II e III, afirmou: “Os cristiáns non aceptan cargos públicos”.

 É a nosa postura unha ameaza para a seguridade nacional? Non. As autoridades gobernamentais non teñen nada que temer, porque somos cidadáns que amamos a paz. Por exemplo, un informe presentado pola Academia Nacional de Ciencias de Ucraína en 2001, comentaba o seguinte: “Quizais a postura das Testemuñas de Xehová non guste a todos. De feito, esta é a razón principal pola que foron condenados por réximes totalitarios coma o nazi e o comunista”. Mesmo baixo a represión soviética, as testemuñas de Xehová “seguiron a ser cidadáns respectuosos coa lei. Cumprían co seu traballo nas granxas colectivas e nas fábricas de xeito honrado e altruísta, e nunca foron unha ameaza para o réxime comunista”. O informe conclúe dicindo que as crenzas e prácticas das testemuñas de Xehová da actualidade non “comprometen nin a seguridade nin a unidade de ningún estado”.