Ir ó contido

Intentan obrigar as testemuñas de Xehová a outros a cambiar de relixión?

Intentan obrigar as testemuñas de Xehová a outros a cambiar de relixión?

 Non. Tal e como explicamos en La Atalaya, a nosa publicación principal, “obrigar á xente a cambiar de relixión está mal.” a Nin obrigamos nin coaccionamos ás persoas polas seguintes razóns:

  •   Xesús nunca obrigou a ninguén a aceptar as súas ensinanzas. Ben sabía que serían máis ben poucos os que aceptarían a súa mensaxe (Mateo 7:13, 14). E cando algún dos seus discípulos non aceptaba algunha das súas ensinanzas e decidía marchar, Xesús non o obrigaba a seguir con el (Xoán 6:60-62, 66-68).

  •   Xesús ensinóulles ós seus seguidores a deixar que a xente decidise se quería cambiar ou non as súas crenzas. No canto de intentar obrigar á xente a aceptar as boas novas do Reino en contra da súa vontade, os seus discípulos buscaban os que eran receptivos á mensaxe (Mateo 10:7, 11-14).

  •   Obrigar a alguén a aceptar certas crenzas non ten sentido ningún, porque Deus o que realmente valora é que o adoremos de corazón (Deuteronomio 6:4, 5; Mateo 22:37, 38).

Facemos proselitismo?

 É certo que espallamos a mensaxe da Biblia “ata os confíns da terra”, e que o facemos “publicamente e polas casas”, tal e como a Biblia manda (Feitos 1:8; 10:42; 20:20). De feito, tal e como ocorreu cos primeiros cristiáns, ás veces se nos acusa de facer proselitismo ilegalmente (Feitos 18:12, 13). Non obstante, esas acusacións non son certas. Non tratamos de forzar a ninguén a aceptar as nosas crenzas. Estamos convencidos de que cada un debería ter o dereito a informarse para poder tomar unha decisión.

 Nin forzamos a ninguén a cambiar de relixión, nin disfrazamos motivacións políticas de relixiosas, nin ofrecemos ningún beneficio material ou social para conseguir que máis persoas se unan á nosa relixión. Esta é unha das grandes diferenzas co que algúns outros grupos chamados cristiáns teñen feito, algo que vai en contra das ensinanzas de Xesús. b

Teñen as persoas dereito a cambiar de relixión?

O profeta Abraham deixou a relixión da súa familia

 Si, a Biblia mesma mostra que todos temos dereito a cambiar de relixión. De feito, fala de moitos que elixiron non seguir na relixión da súa familia e, pola súa conta, decidiron adorar ó Deus verdadeiro. Algúns exemplos son Abraham, Rut, algúns atenienses, e o apóstolo Paulo (Xosué 24:2; Rut 1:14-16; Feitos 17:22, 30-34; Gálatas 1:14, 23). Ademais, a Biblia recoñece o dereito que cada un ten a deixar de practicar a fe que Deus aproba, aínda que sexa unha mala decisión (1a Xoán 2:19).

 A Declaración Universal de Dereitos das Persoas, segundo as Nacións Unidas “o fundamendo da lei internacional de dereitos humanos”, recoñece o dereito a cambiar de relixión. Este documento afirma que cada un ten “a liberdade de cambiar de relixión ou de crenza” e o dereito a “investigar e recibir informacións e opinións e ou de difundilas”, o cal inclúe as crenzas relixiosas. c Evidentemente, estes dereitos implican respectar o dereito dos demais, tanto a manter as súas crenzas coma a rexeitar as ideas coas que non estean de acordo.

Se alguén cambia de relixión, está a deshonrar as tradicións da súa familia?

 Non ten por que. A Biblia anímanos a respectarnos uns ós outros, sen importar a relixión que teñamos (1a Pedro 2:17). Ademais, as testemuñas de Xehová obedecen o mandato que dá a Biblia de respectar ós pais, mesmo se teñen crenzas diferentes (Efesios 6:2, 3).

 Aínda así, non todos concordan co punto de vista da Biblia. Unha muller que creceu en Zambia dixo: “De onde eu son, que alguén cambie de relixión [...] vese como un acto de deslealdade, unha traizón á familia e á comunidade”. Esta muller encarou esta situación cando, sendo aínda unha adolescente, empezou a estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová e pouco despois decidiu cambiar de relixión. Ela comenta: “Os meus pais repetíanme que estaban moi disgustados comigo e que os decepcionara. Foi unha situación moi dura, xa que para min a aprobación dos meus pais éche moi importante [...]. Pero elixir ser leal a Xehová e non ás tradicións relixiosas non quere dicir que sexa desleal á miña familia”. d

a Para máis información, podes consultar o parágrafo 15 da páxina 12 de La Atalaya do 1 de xaneiro de 2002.

b Por exemplo, cerca do ano 785 n. e., Carlomagno emitiu un edicto que impoñía a pena de morte á xente de Saxonia que rexeitase bautizarse como cristiáns. Asi mesmo, o acordo coñecido como Paz de Augsburgo, sinado no 1555 n. e. polas diferentes faccións do Sacro Imperio Romano, estipulou que os gobernantes de cada un dos territorios debían ser católicos romanos ou luteranos, e que tódolos seus súbditos terían que adoptar a mesma relixión. Os que se negasen a cambiar á relixión do seu gobernante serían obrigados a abandonar o país.

c A Carta Africana dos Dereitos Humanos e dos Pobos, a Declaración Americana dos Dereitos e Deberes do Home, a Carta Árabe de Dereitos Humanos do ano 2004, a Declaración de Dereitos Humanos da ASEAN (Asociación de Nacións do Sueste Asiático), o Convenio Europeo de Dereitos Humanos, e o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos recollen dereitos semellantes. Non obstante, o nivel de compromiso dos gobernos que afirman protexer os dereitos humanos varía dun país a outro.

d Segundo di a Biblia, o nome do Deus verdadeiro é Xehová, ou Iavé.