Ir ó contido

Que di a Biblia sobre vivir xuntos sen estar casados?

Que di a Biblia sobre vivir xuntos sen estar casados?

O que di a Biblia

 A Biblia di que Deus quere que nos absteñamos “da inmoralidade sexual” (1 Tesalonicenses 4:3, TNM). Na Biblia, o termo “inmoralidade sexual” inclúe o adulterio, as prácticas homosexuais e as relacións sexuais entre un home e unha muller que non están casados.

 Impórtalle a Deus que as parellas estean ou non casadas?

  •   Deus é o creador do matrimonio. El creouno cando uniu a primeira parella humana (Xénese 2:22-24). A súa intención non era que un home e unha muller vivisen xuntos sen o compromiso que implica o matrimonio.

  •   Deus sabe o que é mellor para nós. El deseñou o matrimonio para que fose unha unión permanente entre un home e unha muller. Isto beneficiaría a tódolos membros da familia e protexeríaos. Do mesmo xeito que as instrucións que nos dá o fabricante dun moble nos axudan a montalo correctamente, as instrucións que nos dá Deus axúdannos a conseguir unha familia feliz. As normas de Deus sempre benefician a aqueles que as seguen (Isaías 48:17, 18).

    Así como as instrucións que nos dá o fabricante dun moble nos axudan a montalo, as instrucións que nos dá Deus axúdannos a conseguir unha familia feliz.

  •   As relacións sexuais fóra do matrimonio poden traer graves consecuencias. Por exemplo, poden resultar en embarazos non desexados, enfermidades de transmisión sexual e problemas emocionais.

  •   Deus deulles ó home e á muller a capacidade de ter fillos por medio das relacións sexuais. Para Deus a vida é sagrada, e a capacidade de ter fillos é un fermoso regalo que el nos fixo. Por iso, el espera que tratemos con respecto este regalo e o usemos só coa persoa coa que estamos casados. Así darémoslle honra ó matrimonio (Hebreos 13:4).

 Está ben que as parellas vivan xuntas antes de casar para ver se son compatibles?

 Vivir xuntos por un tempo sen ningún tipo de compromiso non nos axudará a ter un matrimonio feliz. Pola contra, a relación mellora cando os dous están decididos a permanecer xuntos e a traballar en equipo para superar os problemas. a O matrimonio fortalece o sentido do compromiso (Mateo 19:6).

 Como facer que un matrimonio funcione?

 Non hai matrimonios perfectos. Aínda así, se as parellas aplican os principios bíblicos, poden ter un matrimonio feliz. Vexamos algúns destes principios:

  •   Pon as necesidades da túa parella por diante das túas (1 Corintios 7:3-5; Filipenses 2:3, 4).

  •   Demostrade amor e respecto un polo outro (Efesios 5:25, 33).

  •   Aprende a controlar o que dis e como o dis (Proverbios 12:18).

  •   Sé paciente e perdoa deseguida (Colosenses 3:13, 14).

a Mira o artigo “1. Compromiso”, na revista ¡Despertad! número 2 do 2018.