Ir ó contido

Ir ó índice

DEA/G. Dagli Orti/De Agostini via Getty Images

Huldrych Zwingli busca a verdade da Biblia

Huldrych Zwingli busca a verdade da Biblia

 Hoxe en día a maioría das persoas relixiosas poden comprobar se o que cren está baseado na Biblia ou non o está. Pero non era así a principios do século XVI, por que? Porque moitas persoas non tiñan acceso á Biblia no seu propio idioma. Así que só uns poucos fieis podían comparar o que ensinaba a Igrexa co que realmente dicía a Biblia e os membros do clero axudaban pouco ou nada. O libro History of the Christian Church a di: “A Igrexa en Suíza era corrupta. O clero era ignorante, supersticioso e inmoral”.

 Neste contexto, Huldrych Zwingli comezou a buscar a verdade da Biblia. Que atopou? Como compartiu con outros o que aprendeu? E que podemos aprender nós da súa vida e das súas crenzas?

Comeza a busca

 Cando tiña uns 20 anos, Zwingli quería ser sacerdote católico. Naquel entón, os que ían para sacerdotes tiñan que estudar filosofía, tradicións da Igrexa e os escritos dos pais da Igrexa, pero non estudaban nada sobre a Biblia.

 Como comezou Zwingli a descubrir a verdade da Biblia? Mentres estaba na universidade en Basilea (Suíza), foi ás clases de Thomas Wyttenbach quen condenaba o sistema de indulxencias da Igrexa. b Segundo certo biógrafo, Zwingli “aprendeu de Wyttenbach que Cristo morreu unha soa vez polos nosos pecados” (1 Pedro 3:18). c Cando entendeu que o rescate de Xesús é a única maneira pola que se poden perdoar os nosos pecados, Zwingli rechazou o ensino de que os líderes da Igrexa poden perdoar os pecados a cambio de cartos (Feitos 8:20). Aínda así, Zwingli seguiu cos seus estudos ata converterse en pastor católico cando tiña 22 anos.

 Durante eses anos, Zwingli aprendeu grego pola súa conta para poder entender o idioma orixinal do que se coñece como Novo Testamento. Tamén analizou os traballos de Erasmo de Rotterdam e aprendeu que Xesús é o único mediador entre Deus e os homes, como ensina a Biblia (1 Timoteo 2:5). Como resultado, Zwingli comezou a dubidar da ensinanza católica de que os santos poden axudarlles ás persoas a achegarse a Deus.

 Despois de cumprir os 30, Zwingli dedicouse aínda máis a buscar a verdade. Pero tamén serviu como capelán do exército durante unha serie de guerras a través de Europa polo control de Italia. Na Batalla de Marignano, en 1515, puido ver coma os católicos se mataban entre si. Varios anos despois, Zwingli copiou a man e mesmo aprendeu de memoria boa parte das Escrituras Gregas. En 1519 estivo vivindo en Zúric, a capital política de Suíza. Alí chegou a crer que a Igrexa debía abolir calquera ensinanza que non estivese baseada na Biblia. Pero, como podía axudarlles a outros a chegar á mesma conclusión?

“Nunca antes escoitaramos isto”

 Zwingli cría que a xente rechazaría as mentiras relixiosas se escoitaban a verdade da Biblia. Así que cando o escolleron sacerdote en Grossmünster, unha importante igrexa de Zúric, pensou nun plan atrevido. Durante os seus sermóns, en lugar de ler o leccionario d en latín que os curas levaban usando séculos, lería o Evanxeo directamente da Biblia, capítulo a capítulo, dende o principio ata o final. E en lugar de usar as ideas dos pais da Igrexa para explicar o que di a Biblia, deixaría que a Biblia se explicase a si mesma usando pasaxes más fáciles para aclarar outras máis difíciles (2 Timoteo 3:16).

Sergio Azenha/Alamy Stock Photo

A igrexa de Grossmünster en Zúric.

 A medida que lles falaba ós fieis, Zwingli destacaba o valor práctico da Biblia para o día a día. Ensinou as normas morais da Biblia e explicou que non estaba ben adorar a María, a nai de Xesús. Tamén ensinou que non era correcto orarlle ós santos, vender indulxencias ou a inmoralidade do clero. Como reaccionou a xente? Despois do seu primeiro sermón, unha persoa dixo: “Nunca antes escoitaramos isto”. Falando sobre os seus fieis católicos, un historiador escribiu: “Aquelas persoas que abandonaran a Igrexa por culpa da estupidez e da inmoralidade dos sacerdotes, agora volvían á igrexa”. e

 En 1522, o clero quixo convencer os políticos de Zúric para que impedisen que as persoas fosen en contra da doutrina da Igrexa. Por iso, acusaron a Zwingli de herexía. Como Zwingli non quixo renunciar ás súas crenzas, deixou de ser sacerdote católico.

Que fixo Zwingli?

 Aínda que Zwingli xa non era sacerdote seguiu falando das súas ideas e tratando de convencer a outros. A causa disto, fíxose moi popular e chegou a ter influencia entre os políticos de Zúric. Grazas a esta influencia intentou facer reformas relixiosas nesa cidade. Por exemplo, en 1523 convenceu as autoridades xudiciais para que prohibisen calquera ensinanza relixiosa que non se puidese probar coa Biblia. En 1524 convenceunos de que prohibisen a idolatría. Os maxistrados civís, apoiados por outros predicadores e tamén polo pobo, supervisaron a destrución de altares, ídolos, imaxes e reliquias. O libro Zwingli: God’s Armed Prophet explica: “A Igrexa de Occidente non vira unha destrución deste tipo dende que os viquingos saquearan os lugares de culto”. Para 1525, xa influíra nas autoridades para converter as propiedades da Igrexa en hospitais e para permitir que os frades e as monxas puidesen casar. Tamén propuxo cambiar a misa por unha celebración sinxela que seguise o modelo bíblico (1 Corintios 11:23-25). Os historiadores coinciden en que os esforzos de Zwingli fixeron posible que as autoridades políticas e relixiosas de Zúric traballasen xuntas, e puxeron os cimentos para a Reforma e o nacemento da relixión protestante.

A edición de 1536 da Biblia de Zúric, na sede central das testemuñas de Xehová en Warwick (Nova York).

 Pero o traballo máis importante de Zwingli estivo relacionado coa tradución da Biblia. Durante a década de 1520, xunto cun grupo de expertos, estivo traballando con textos orixinais en hebreo e grego, e tamén coa Septuaxinta grega e a Vulgata Latina. O seu método era sinxelo: eles lían cada versículo no idioma orixinal e tamén noutras traducións respectadas. Logo analizaban o seu significado e escribían as súas conclusións. Os seus esforzos por traducir e explicar a Palabra de Deus deron o seu resultado: en 1531 publicouse nun só volume a Biblia de Zúric.

 Aínda que Zwingli era sincero, tamén era intolerante e agresivo. Por exemplo, en 1525, participou no xuízo contra os anabaptistas, que non estaban de acordo coa crenza de bautizar os bebés. E cando os tribunais condenaron á morte a tódolos que se negaban a facer ese tipo de bautismo, el non se opuxo a esta sentenza tan dura. Zwingli tamén lles insistiu ós líderes políticos para que usasen a forza militar co fin de estender a Reforma. Aínda así, algunhas rexións moi católicas de Suíza resistíronse, e isto levou a unha guerra civil. Zwingli acompañou os soldados dende Zúric ata o campo de batalla, onde morreu cando tiña 47 anos.

O legado de Zwingli

 Huldrych Zwingli non é tan famoso como os reformadores protestantes Martiño Lutero e Xoán Calvino, aínda así ten un lugar na historia. A diferenza de Lutero, Zwingli rompeu dunha forma máis radical co catolicismo romano e isto abriulle o camiño a Calvino. Por iso, chámaselle o terceiro home da Reforma protestante.

 Os efectos do traballo de Zwingli son tanto positivos coma negativos. Para difundir as súas ideas estivo moi envolto na política e na guerra. Ó facelo, non seguiu o exemplo de Xesús quen rechazou participar en asuntos políticos e ensinoulles ós seus discípulos a amar os seus inimigos, non a matalos (Mateo 5:43, 44; Xoán 6:14, 15).

 Con todo, Zwingli recórdase como un estudante da Biblia dilixente que compartía con outros o que aprendía. Descubriu moitas verdades bíblicas e axudou a outros a facer o mesmo.

a Escrito por Philip Schaff.

b As indulxencias eran decretos emitidos polos líderes da Igrexa que supostamente reducían ou eliminaban os castigos que sufrirían as persoas no purgatorio despois de morrer.

c Zwingli: God’s Armed Prophet, escrito por Bruce Gordon.

d O leccionario é un libro que contén algúns versículos da Biblia que se len durante o ano.

e Life of Ulrich Zwingli: The Swiss Patriot and Reformer, escrito por Samuel Simpson.