Ir ó contido

Ir ó índice

LECCIÓN 1

O autocontrol

O autocontrol

QUE É?

É unha calidade que nos axuda a:

  • saber esperar

  • controlar os nosos impulsos

  • terminar as tarefas que non nos gustan

  • pensar primeiro nos demais

POR QUE É IMPORTANTE?

Os nenos que teñen autocontrol poden resistir unha tentación aínda que sexa moi atraente. Pero os nenos que non teñen autocontrol tenden a:

  • ser agresivos

  • ter depresión

  • fumar, abusar do alcohol ou consumir drogas

  • ter unha mala alimentación

Un estudo mostrou que, normalmente, os nenos con autocontrol teñen menos problemas de saúde, económicos ou legais cando son adultos. Ese estudo fixo que Angela Duckworth, profesora da universidade de Pensilvania, chegase á seguinte conclusión: “Nunca se ten demasiado autocontrol”.

COMO ENSINARLLES A TER AUTOCONTROL

Aprende a dicir non e mantén a túa palabra.

PRINCIPIO BÍBLICO: “Cando digades ‘si’, que sexa si, e, cando digades ‘non’, que sexa non” (Mateo 5:37TNM).

Ás veces, os nenos pequenos poñen a proba a determinación dos seus pais cunha perrencha, incluso ata diante doutras persoas. Se os pais ceden, o neno aprende que as perrenchas poden converter un non nun si.

Por outro lado, se os pais din non e manteñen a súa palabra, o neno aprende unha lección moi importante: na vida non sempre conseguimos o que queremos. O doutor David Walsh escribiu: “Ironicamente, as persoas que aprenden esta lección parecen ser as máis felices”. Tamén sinalou: “Non lles facemos ningún favor ós nosos fillos se lles ensinamos que o mundo sempre lles vai ofrecer en bandexa todo o que queiran”. a

Dicirlles non ós teus fillos agora axudaralles a eles a dicir non ás drogas, ás relacións sexuais antes do matrimonio e a outras cousas prexudiciais no futuro.

Ensínalles que todo ten consecuencias, boas ou malas.

PRINCIPIO BÍBLICO: “Conforme sementes, recollerás” (Gálatas 6:7).

Os teus fillos necesitan comprender que as accións teñen consecuencias, e que por iso, se non se saben controlar, iralles mal. Por exemplo, se os teus fillos se enfadan cada vez que algo lles molesta, terán poucos amigos. Pero, se aprenden a controlar o seu xenio ou a escoitar con paciencia sen interromper, os demais quererán estar con eles. Axúdalles ós teus fillos a comprender que a súa vida será mellor se teñen autocontrol.

Axúdalles a saber que é o máis importante.

PRINCIPIO BÍBLICO: Asegurádevos “de que cousas son as máis importantes” (Filipenses 1:10TNM).

Ter autocontrol non significa só intentar non facer cousas malas, tamén significa cumprir coas obrigacións, aínda que non parezan emocionantes nin divertidas. É moi importante que os teus fillos aprendan a establecer prioridades e as cumpran, así que asegúrate de que sempre fagan o máis importante primeiro. Por exemplo, terminar de facer os deberes antes de xogar.

Pon un bo exemplo.

PRINCIPIO BÍBLICO: “Deivos así un exemplo, para que, coma eu fixen convosco, así fagades tamén vós” (Xoán 13:15).

Os nenos fíxanse en como reaccionan os seus pais ante situacións frustrantes, así que demostra co teu exemplo que as cousas van ben cando un ten autocontrol. Pregúntate: “Que fago cando os meu fillos poñen a proba a miña paciencia? Enfádome con facilidade ou manteño a calma?”.

a Do libro Saber decir no a los hijos: por qué los niños necesitan oírlo y cómo sus padres pueden decirlo.