Ir ó contido

Ir ó índice

LECCIÓN 3

A resiliencia

A resiliencia

QUE É?

É a calidade que nos axuda a facerlles fronte ós obstáculos ou ás decepcións sen desanimarnos. Esta calidade conséguese coa experiencia. Igual que un neno non vai aprender a camiñar sen caer algunha vez, tampouco vai aprender a saír adiante na vida sen pasar por algún problema.

POR QUE É IMPORTANTE?

Algúns nenos desanímanse cando algo lles sae mal, se enfrontan a unha situación difícil ou alguén os corrixe. Outros simplemente se dan por vencidos. Pero sería bo que comprendesen o seguinte:

  • É imposible facelo todo ben (Santiago 3:2).

  • Todos pasamos por situacións difíciles nalgún momento da vida (Eclesiastés 9:11TNM).

  • Que nos corrixan é vital para aprender (Proverbios 9:9TNM).

Se teñen resiliencia, os teus fillos sentirán que poden facerlles fronte ós problemas da vida.

COMO ENSINARLLES A SER RESILIENTES

Cando se equivocan.

PRINCIPIO BÍBLICO: “Se sete veces cae o home honrado, outras tantas se ergue” (Proverbios 24:16).

Axúdalles ós teus fillos a ver as cousas con perspectiva. Por exemplo, que farían se suspendesen un exame da escola? Renderíanse e dirían: “Nada me sae ben!”?

Para ensinarlles a ser resilientes axúdalles a pensar que poden facer para mellorar. Así enfrontaranse ó problema en vez de darlle voltas ó que pasou.

Por outro lado, non resolvas o problema por eles. Axúdalles a resolvelo por si mesmos. Poderías preguntarlles: “Que podes facer para entender mellor o que che están ensinando?”.

Cando ocorre unha desgraza.

PRINCIPIO BÍBLICO: “Non sabéde-lo que vai ser de vós mañá” (Santiago 4:14).

A vida é impredicible. Os cartos e a saúde poden perderse da noite á mañá. Como di a Biblia, “os veloces non sempre gañan a carreira, nin os poderosos gañan sempre a batalla, [...] xa que a todos lles chega algún mal momento e algún suceso imprevisto” (Eclesiastés 9:11TNM).

É normal que un pai faga todo o posible para protexer os seus fillos dos perigos. Pero, sendo realistas, non poderá protexelos de tódolos problemas da vida.

Claro, quizais os teus fillos sexan demasiado novos para perder un traballo ou ter problemas económicos, pero é probable que se teñan que enfrontar a outros problemas, como que alguén xa non queira ser o seu amigo ou a morte dun familiar. a

Cando os corrixan.

PRINCIPIO BÍBLICO: “Escoita o consello [...] para que ó remate sexas sabio” (Proverbios 19:20).

Corrixir un neno non significa ameazalo ou ofendelo. Significa axudarlle a cambiar algo que necesita corrixir.

Se lles ensinas ós teus fillos a aceptar os consellos sairedes ganando todos. Un pai chamado John di: “Se sempre lles solucionamos tódolos problemas ós nosos fillos nunca van aprender. Irán dun problema a outro e pasaremos a vida detrás deles apagando os lumes que provoquen. Iso sería un sufrimento tanto para eles como para nós”.

Como lles podes axudar ós teus fillos a aceptar a corrección? Cando alguén os corrixa na escola ou noutro sitio, resiste o impulso de dicirlles que é inxusto. En vez diso, pregúntalles:

  • “Por que pensas que te corrixiron?”.

  • “Como podes mellorar?”.

  • “Que farás a próxima vez que che pase?”.

Recorda, a corrección non só lles axudará ós teus fillos agora, senón tamén no futuro.

a Mira o artigo “Ayude a su hijo a sobrellevar el dolor”, de La Atalaya do 1 de xullo de 2008.