Ir ó contido

Por que as testemuñas de Xehová non sempre responden ás acusacións?

Por que as testemuñas de Xehová non sempre responden ás acusacións?

 As testemuñas de Xehová guiámonos polos consellos da Biblia. Por iso non respondemos a tódalas acusacións ou burlas que nos fan. Por exemplo, un proverbio bíblico di: “Quen corrixe ó burlento, carga el coa aldraxe” (Proverbios 9:7, 8; 26:4). No canto de preocuparnos en exceso e rebater tódalas acusacións falsas, centrámonos en servir a Deus (Salmo 119:69).

 Por suposto, hai “un tempo para calar e un tempo para falar” (Eclesiastés 3:7). As testemuñas de Xehová falamos con tódalas persoas que desexen saber a verdade sobre nós, pero evitamos entrar en polémicas. Deste xeito, seguimos o exemplo de Xesús e os primeiros cristiáns.

  •   Xesús quedou calado cando o acusaron falsamente ante Pilato (Mateo 27:11-14; 1 Pedro 2:21-23). Tampouco se defendeu cando o acusaron de ser un borracho e un larpeiro. Pola contra, deixou que as súas accións falasen por si mesmas. Tal e como el dixo: “A sabedoría quedou acreditada polas súas obras” (Mateo 11:19). Non obstante, sempre que as circunstancias o requiriron, foi valente e respondeu ós que o calumniaron (Mateo 15:1-3; Marcos 3:22-30).

     Xesús ensinoulles ós seus seguidores que non debían permitir que as acusacións falsas os desanimasen. Díxolles: “Ditosos vós cando vos aldraxen, persigan e calumnien de calquera xeito pola miña causa” (Mateo 5:11, 12). Xesús tamén lles dixo que, ás veces, estas acusacións daríanlles a oportunidade de defender as boas novas, e prometeulles “unha elocuencia e mais unha sabedoría” que ningún adversario podería replicar nin resistir (Lucas 21:12-15).

  •   O apóstolo Paulo aconsellou os cristiáns que evitasen entrar en polémicas cos opositores, e cualificou estes debates de “inútiles e sen substancia” (Tito 3:9; Romanos 16:17, 18).

  •   O apóstolo Pedro animou os cristiáns a defender as súas crenzas sempre que lles fose posible (1 Pedro 3:15). Non obstante, recoñeceu que os feitos falan máis que as palabras cando escribiu: “Porque isto é o que Deus quere: ‘que portándovos ben, lle tapéde-la boca á ignorancia’” (1 Pedro 2:12-15).