Ir ó contido

Están as testemuñas de Xehová en contra das vacinas?

Están as testemuñas de Xehová en contra das vacinas?

 Non. As testemuñas de Xehová non se opoñen ás vacinas. Vemos a vacinación como unha decisión persoal que cada cristián debe tomar. Moitas testemuñas de Xehová escollen vacinarse.

 Buscamos atención médica de calidade e valoramos os moitos avances da ciencia na medicina para reducir o risco de enfermidades graves. Agradecemos moito o compromiso e o traballo dos profesionais da saúde, sobre todo, en tempos de crise.

 As testemuñas de Xehová colaboran coas autoridades sanitarias do goberno. Por exemplo, dende que comezou a pandemia da COVID-19, as testemuñas de Xehová seguen publicando recordatorios en centos de idiomas na súa páxina web e animando as persoas a seguir cumprindo coas medidas de sanidade locais. Isto inclúe a importancia de manter a distancia de seguridade e seguir as normas sobre as reunións sociais, as corentenas, lavar as mans, levar posta a máscara, así como outras medidas prácticas que esixen ou recomendan as autoridades (Romanos 13:1, 2).

 Durante décadas as publicacións das testemuñas de Xehová resaltaron os seguintes principios:

  •   As decisións sobre a saúde son un asunto persoal (Gálatas 6:5).

     “(Esta revista) non recomenda ningún tipo de medicamento ou terapias por enriba doutros nin ofrece consellos médicos. O seu obxectivo é simplemente presentar feitos e deixar que o lector tome as súas propias decisións” (Despertad!, 8 febreiro 1987).

     “A pregunta de se ti ou os teus fillos debedes vacinarvos é algo que debes decidir por ti mesmo” (Despertad!, 22 agosto 1965).

  •   Buscamos atención médica porque valoramos moito a vida (Feitos 17:28).

     “As testemuñas de Xehová aproveitan os coñecementos médicos para recibir axuda cos seus problemas de saúde. Aman a vida e queren facer todo canto sexa razoable e bíblico para prolongala” (La Atalaya, 1 xullo 1975).

     “As testemuñas de Xehová aceptan de boa gana os medicamentos e os tratamentos médicos. Queren manter unha boa saúde e prolongar a súa vida. De feito, igual que Lucas, un cristián do século primeiro, algunhas testemuñas de Xehová son médicos. [...] As testemuñas de Xehová valoran moito a atención e axuda que reciben dos profesionais da saúde cando están enfermos e agradecen moito a súa dedicación e duro traballo” (La Atalaya, 1 febreiro 2011).