Ir ó contido

Quedou moi impresionada cos resultados

Quedou moi impresionada cos resultados

 Unha nai solteira chamada Desicar quería facer máis no seu servizo a Xehová sendo pioneira regular. Ela vive en Venezuela, un país con moitas dificultades económicas. Aínda así, estaba decidida a ser pioneira. Sentíase moi feliz cando conseguiu a súa meta pero, de repente, comezou a pandemia da COVID-19.

 Ó principio da pandemia Desicar tivo dificultades para adaptarse ás novas formas de predicar. Escribir cartas era un desafío para ela. E non podía predicar por videoconferencia porque Internet era moi caro na súa zona. Ela explica: “Sentíame moi desanimada. Da noite para a mañá, xa non podía predicar coma antes. Pensaba que non estaba cumprindo a promesa que lle fixera a Xehová cando comecei a servir como pioneira”.

 En xaneiro de 2021, a sucursal das Testemuñas de Xehová en Venezuela aprobou unha campaña especial de predicación. Fixéronse preparativos para emitir algúns discursos públicos seleccionados, en sesenta emisoras de radio e sete canles de televisión, durante os cinco fins de semana do mes. Animouse os publicadores a invitar a persoas interesadas a ver e escoitar estes programas. Ademais, a sucursal deulles ós irmáns algunhas preguntas e textos da Biblia que poderían usar nas súas cartas ou nas súas conversas por teléfono. Tamén animou a usar as mensaxes de texto, un novo método de predicación para moitas Testemuñas en Venezuela.

 A Desicar facíalle moita ilusión participar na campaña. Aínda que nunca usara as mensaxes para predicar, decidiu intentalo. Como a Desicar non se lle daba moi ben a tecnoloxía, pediulle axuda á súa filla. En pouco tempo, xa estaba preparada para participar na campaña.

Desicar

 Usando as mensaxes de texto, Desicar invitou a moitos coñecidos a escoitar os discursos e quedou moi impresionada cos resultados. Moitos dos seus contactos escoitaron os discursos e fixéronlle preguntas. E aínda que outros non puideron escoitalos, preguntáronlle a Desicar de que se falara. “Preparei un resumo das miñas notas e compartino con eles. Nunca fixera máis de cinco revisitas nun mes, pero para o final da campaña conseguín facer 112!” a, explica Desicar.

 Desicar tamén invitou a súa irmá, que non é Testemuña e que vive na casa do lado, a escoitar os discursos na radio. Ela comenta: “Para a miña sorpresa, a miña irmá aceptou. Cada domingo ás oito da mañá, ía á súa casa e escoitabamos xuntas os discursos. Facíame moitas preguntas durante e despois do programa”. A irmá de Desicar tamén se conectou por videoconferencia á Conmemoración da morte de Xesús e déixalle utilizar a súa conexión a Internet para predicar.

 Desicar di: “Estoulle moi agradecida a Xehová. Tamén quero darlle grazas ós anciáns da miña congregación por animarme tanto. Axudáronme a recuperar a alegría na predicación” (Xeremías 15:16). Desicar continúa sendo pioneira e atendendo o interese das persoas coas que falou da verdade por mensaxe.

a As testemuñas de Xehová predican tendo en conta as leis de protección de datos do país onde viven.