Ir ó contido

Unha muller cega viu a resposta ás súas oracións

Unha muller cega viu a resposta ás súas oracións

 Yanmei, unha testemuña de Xehová de Asia, ofreceuse para axudarlle a unha muller cega chamada Mingjie a cruzar a rúa. a Mingjie respondeulle: “Moitas grazas. Que Deus cho pague!”. En vendo que cría en Deus, Yanmei preguntoulle se lle gustaría quedar outro día para falaren da mensaxe da Biblia. Máis tarde, Mingjie díxolle que tódolos días rezaba para atopar o verdadeiro pobo de Deus. Pero, por que levaba tempo pedindo iso?

 En 2008, Mingjie aceptara a invitación dunha amiga cega para iren a unha igrexa que se centraba en axudar persoas con algunha discapacidade. Despois de escoitar o sermón, Mingjie preguntoulle ó crego de que libro citara, ó que lle contestou que era da Biblia, onde se atopa a verdadeira Palabra de Deus. A Mingjie entráronlle ganas de ler a Biblia. Así é que conseguiu unha en braille chinés e leu os 32 volumes nuns seis meses. Ó ir lendo na Biblia, Mingjie decatouse de que a doutrina da Trindade que se ensinaba naquela igrexa non era bíblica. Ademais descubriu que Deus ten nome: Xehová.

 Co tempo, Mingjie decepcionouse ó se decatar de que o comportamento dos membros da igrexa non harmonizaba co que ela lía na Biblia. Por exemplo, ós que podían ver dábanlle comida acabada de facer, namentres que ós cegos dábanlles as sobras. Inxustizas coma esta entristeceron a Mingjie. Así que comezou a buscar outras igrexas pola súa zona. Era por isto polo que Mingjie rezaba tódolos días: para atopar os verdadeiros cristiáns.

 O acto de bondade de Yanmei fixo que Mingjie aceptase o curso bíblico que lle ofreceu. Poucos meses máis tarde, Mingjie asistiu por primeira vez a unha reunión das Testemuñas de Xehová. Ela conta: “Endexamais esquecerei aquela miña primeira reunión. Tódolos irmáns me saudaron con moito agarimo, e iso chegóucheme ó corazón. Inda que son cega, puiden ver que se interesaban de verdade por min”.

 Mingjie seguiu aprendendo da Biblia e colleu o costume de asistir a tódalas reunións. O que máis lle gustaba era cantar as cancións durante a reunión, pero non lle era doado xa que o cancioneiro non estaba dispoñible en braille chinés. Así que, coa axuda dos irmáns da congregación, elaborou o seu propio cancioneiro. Levoulle 22 horas transcribir cada unha das 151 cancións! En abril de 2018, Mingjie comezou a predicar publicamente e botaba unhas trinta horas cada mes falándolle a outros da Biblia.

Transcribir un libro a braille dá moito traballo

 Para axudarlle a Mingjie a se preparar para o bautismo, Yanmei gravou un audio coas preguntas e os versículos da Biblia do libro Organizados para hacer la voluntad de Jehová. Mingjie bautizouse en xullo de 2018. Ela di: “O amor que me amosaron os irmáns naquel congreso tocóucheme o corazón. Estaba tan contenta que me botei a chorar porque por fin xa era parte do verdadeiro pobo de Deus” (Xoán 13:34, 35). Arestora Mingjie serve como pioneira regular porque está decidida a amosarlles a outros o mesmo amor que ela recibiu.

a Cambiáronse os nomes.