Ir ó contido

Política global de uso de datos persoais

Política global de uso de datos persoais

Recollemos, gardamos e usamos os teus datos persoais só para o propósito para o cal os enviaches e só os mantemos o tempo necesario para cumprir eses fins ou para outros lexítimos que puidesen aplicar. Neste caso, se decides non compartir algún dato persoal que che pidamos, é posible que non poidas acceder a algunhas partes do noso sitio web e das aplicacións asociadas subministradas por Watchtower Bible and Tract Society of New York, Inc. ou que non poidamos responder a túa solicitude.

Os datos proporcionados na túa petición ou solicitude son accesibles polos encargados do procesamento de datos e/ou por especialistas en soporte técnico que fan tarefas relacionadas coa túa petición e co mantemento do sistema. Non proporcionaremos os teus datos persoais a ninguén a menos que 1) sexa necesario facelo para proporcionarche o servizo que solicitaches e previamente cho informemos por completo, 2) creamos de boa fe que sexa necesario para cumprir calquera lei ou normativa, 3) sexa como resposta a unha petición de parte das autoridades ou 4) sexa necesario para detectar ou previr o fraude por cuestións de seguridade ou técnicas. Ó usar o noso sitio web e tódalas aplicacións asociadas, dás o teu consentimento para que informemos os teus datos persoais a terceiras partes soamente para os propósitos antes mencionados. Calquera dato persoal que nos proporciones non será, baixo ningunha circunstancia, vendido, intercambiado ou alugado.

USO DE DATOS PERSOAIS NO SITIO WEB

Para ver a maioría do contido deste sitio web non é necesario rexistrarse como usuario ou facilitarnos datos persoais. Porén, algunhas funcións só están dispoñibles para usuarios rexistrados, para usuarios que enchen solicitudes ou consultas, e cando unha congregación das Testemuñas de Xehová envía os datos persoais dun usuario a través de jw.org. Procesamos os teus datos persoais de acordo co teu consentimento. Nalgúns casos, é posible que inda que retires o teu consentimento, a lei nos permita procesar os teus datos, sempre que se cumpran os requisitos legais necesarios.

Só usaremos os datos persoais que se nos faciliten a través do noso sitio web para o fin especificado polo usuario, e que pode ser algún dos seguintes:

Contas de usuario. Poderemos comunicarnos contigo a través do enderezo electrónico que nos facilites ó crear unha conta de usuario nesta páxina web. Por exemplo, se esqueces o teu nome de usuario ou contrasinal e solicitas axuda para iniciar sesión, enviarémosche unha mensaxe ó enderezo electrónico que consta na túa conta de usuario.

Xestión de información persoal: Despois de crear unha conta, o secretario da túa congregación pode darche acceso á sección “O meu perfil”. Se queres engadir información persoal ó teu perfil da páxina hub.pr418.com, váiseche preguntar se estás de acordo en que se use esa información para saber como se poden usar as túas habilidades nalgún proxecto e para poñerse en contacto contigo. Se colaboras nun proxecto e engades as túas habilidades na sección “O meu perfil”, alguén as vai avaliar para ver como se poden usar nese proxecto. Para tratar a túa información, de ser necesario, é posible que se comparta con outras sucursais das testemuñas de Xehová, coa sede central das testemuñas de Xehová ou con outras organizacións colaboradoras usadas polas testemuñas de Xehová en varios países.

Solicitudes. Se cumpres os requisitos que estipulan as testemuñas de Xehová baseados nas súas crenzas e estás de acordo coas políticas que seguen, podes usar este sitio web para crear unha conta de usuario e enviar unha solicitude; ou a congregación á que pertences pode usar este sitio web para tramitar a túa solicitude no teu nome. Cada unha das diferentes solicitudes identifica o propósito do seu uso, como as solicitudes para ampliar o servizo ou a solicitude de oferta de aloxamento relacionada cos congresos ou con outros eventos. A información persoal que sexa necesaria para a solicitude podería incluír datos persoais, e é posible que sexa un ancián de congregación, un responsable de circuíto, ou ti mesmo quen a proporcione. Os datos só se usarán para procesar e analizar a túa solicitude, ou para propósitos administrativos relacionados co proceso da solicitude, coma crear o teu perfil. Se é necesario para procesar a túa solicitude, poderían proporcionarse os teus datos persoais incluídos na solicitude a outras sucursais, ás oficinas da sede central das testemuñas de Xehová ou a outras entidades que colaboran coas testemuñas de Xehová en varios países. En tódolos casos, as solicitudes analizaranse individualmente e non se someterán a un sistema de decisións automatizado.

Congresos especiais e internacionais. Se enches os requisitos para solicitar asistir a un Congreso especial ou internacional (De agora en adiante, “Congreso”), podes usar este sitio web para enviar unha solicitude. Encontrarás máis información relacionada no apartado anterior “Solicitudes”.

Delegados. Os datos que se usarán para o Congreso incluirán a túa información de contacto, data de nacemento, información do grupo, información do aloxamento, información da túa chegada e saída, e calquera outro dato que sexa necesario para o Congreso. Se es seleccionado como delegado, os teus datos persoais proporcionaranse á sucursal das Testemuñas de Xehová correspondente, incluíndo a tódalas persoas que traballen nos comités do congreso e de hospitalidade, ou que colaboren con eles. Usaranse os teus datos persoais para planificar o Congreso, para axudarte en calquera necesidade que teñas relacionada coa túa viaxe, e para organizar os eventos e as actividades relacionadas co Congreso. Ademais, os teus datos persoais tamén se compartirán co hotel que seleccionaches, entidades asociadas e con provedores externos de servizos para xestionar as túas reservas e calquera outra cousa que necesites durante a túa estadía no hotel. Os teus datos persoais tamén se compartirán cos provedores externos de servizos relacionados coas actividades que escolliches. Se decides non proporcionar os teus datos persoais ou solicitas que os eliminen, é posible que xa non poidas asistir como delegado ó Congreso. Eliminaremos os teus datos en canto xa non sexan necesarios.

Campañas especiais de predicación. Se enches os requisitos para participar nunha Campaña especial de predicación (De agora en adiante, “Campaña”), podes usar este sitio web para enviar unha solicitude. Encontrarás máis información relacionada no apartado anterior “Solicitudes”. Se es seleccionado para participar na Campaña, os teus datos persoais proporcionaranse á sucursal das Testemuñas de Xehová. Os datos que se usarán na Campaña incluirán a túa información de contacto, información do grupo, información do aloxamento, información sobre o comezo e o remate, coñecementos de idiomas e calquera outro dato que sexa necesario para a Campaña. O Comité de Campaña Especial de Predicación da sucursal usará os teus datos persoais para organizar a Campaña, asignarte a unha zona e preparar o aloxamento. O contacto na zona e os anciáns da congregación anfitrioa usarán os teus datos persoais para organizar a Campaña no territorio. Se escolles non proporcionar os teus datos persoais ou solicitas que os eliminen, é posible que xa non podas participar na Campaña.

Cursos de capacitación. Se enches os requisitos para colaborar con algún proxecto, por exemplo un proxecto de construción, é posible que un dos organizadores te invite a un curso. Podes aceptar ou rechazar a invitación e mesmo cancelar a túa asistencia antes de que comece o curso. Se aceptas, os instrutores levarán rexistro da túa asistencia, indicarán os obxectivos que lograches e poderán engadir algún comentario. Os organizadores do curso e os instrutores poderán ver e avaliar as habilidades que engadiches no teu perfil de hub.pr418.com. Para tratar a túa información, de ser necesario, é posible que se comparta con outras sucursais das testemuñas de Xehová, coa sede central das testemuñas de Xehová ou con outras organizacións colaboradoras usadas polas testemuñas de Xehová en varios países.

Donativos. Cando envías un donativo por Internet, rexistramos o teu nome e datos de contacto. As doazóns por Internet realizadas con tarxeta de crédito son tramitadas por servizos de pago electrónico que cumpren cos máximos estándares de seguridade e de protección da privacidade. A fin de procesar o teu donativo, podemos proporcionar a estes servizos a información que ti nos facilitas, como o teu número de tarxeta de crédito ou o teu número de conta bancaria. Tramitamos o teu pago seguindo as medidas recollidas na PCI DSS (Estándar de Seguridade de Datos para a Industria de Tarxetas de Pago). O receptor do donativo conserva os rexistros de cada doazón durante o tempo que sexa necesario de acordo cos intereses lexítimos do receptor da doazón e en conformidade con calquera requisito legal aplicable. Os rexistros inclúen a data da doazón, a cantidade doada e o medio de pagamento. Isto permitiranos cumprir coas normas contables e responder a calquera pregunta que che poida xurdir durante este período. Non nos poñeremos en contacto contigo para solicitar máis donativos.

Solicita unha visita. Podes solicitar a visita dunha Testemuña para aprender máis sobre a Biblia ou sobre as testemuñas de Xehová. Só usaremos os datos persoais que nos proporciones para atender a túa solicitude. Unha vez feita a solicitude e só se é necesario para atendela, compartiremos os teus datos persoais con outras sucursais ou entidades colaboradoras das Testemuñas de Xehová.

Outros fins. Podes facilitarnos os teus datos persoais (tales como nome, enderezo postal ou número de teléfono) para outros fins distintos a crear unha conta, enviar unha solicitude ou enviar un donativo. En cada caso, indicarase claramente o motivo polo que che pedimos certa información. Non se utilizarán os datos persoais proporcionados a este sitio web para fins distintos ós indicados claramente ó usuario no momento en que estes datos sexan proporcionados.

USO DE DATOS PERSOAIS NA APLICACIÓN JW LIBRARY

O artigo Como usa JW Library os teus datos explica como usamos os teus datos persoais en JW Library.

Como se explica neste artigo, a aplicación funciona descargando datos do noso sitio web jw.org. O noso sitio web ten acceso ó teu enderezo IP mentres a aplicación descarga a información. Os datos que recompilamos no noso sitio de Internet úsanse para prover e mellorar os servizos da aplicación e para manter un entorno seguro. En concreto os datos úsanse para: que o usuario poida acceder e usar a aplicación, administrar o funcionamento e mellora da aplicación, prever e detectar o fraude e o software malicioso, e xestionar problemas de seguridade.

TRANSFERENCIAS INTERNACIONAIS DE DATOS

A organización relixiosa das Testemuñas de Xehová opera a nivel mundial por medio de diferentes entidades locais. Algúns dos servidores nos que se aloxa a nosa páxina web e tódalas aplicacións asociadas están situados en Estados Unidos. Podemos transferir os teus datos persoais fóra do país onde resides, o cal pode incluír países con leis que contemplen un nivel de regulación da protección de datos distinto ó do país onde resides. Sempre que manexamos e transferimos os teus datos persoais, tomamos medidas deseñadas para protexelos. Esperamos de tódalas entidades que empregamos e dan apoio á obra das Testemuñas de Xehová que cumpran coas nosas políticas de protección de datos e coas leis e regulacións que rexen a protección de datos.

Ó visitar este sitio web e comunicarte electronicamente con nós, aceptas estas transferencias internacionais de datos. En moitos casos, nós tamén usamos acordos para transferir eses datos como as cláusulas contractuais estándar.

DEREITOS DO USUARIO

Sempre que procesamos os teus datos persoais, tomamos medidas razoables para asegurarnos de que sexan exactos e se manteñan actualizados de acordo co fin para o cal foron recompilados. Segundo o país no que residas e as leis de protección de datos existentes no mesmo, é posible que teñas os seguintes dereitos vinculados ós datos persoais que nos facilitaches:

  • Solicitar información acerca da recompilación e uso dos teus datos persoais de acordo coas leis do país onde resides.

  • Solicitar o acceso, bloqueo ou eliminación dos teus datos persoais, ou a súa modificación se están incompletos ou non son correctos.

  • Onde exista a base legal necesaria, podes obxectar ó proceso dos teus datos persoais e solicitar que non os procesemos.

Se no país no que resides existen tales leis de protección de datos, e desexas rectificar, cancelar ou acceder ós teus datos persoais, ponte en contacto coa entidade correspondente na listaxe de Contactos de Protección de Datos.

Unha vez que recibamos a túa solicitude, comprobemos a túa identidade e contemos coa información necesaria para localizar os teus datos persoais, o xestor de datos correspondente decidirá se tramita a túa petición valorando os teus intereses individuais en ter acceso, rectificar ou cancelar os teus datos fronte ós intereses lexítimos da organización, o cal inclúe valorar se a tramitación da túa petición afectaría o dereito da organización á práctica da liberdade relixiosa. Tamén notificaremos os cambios pertinentes a calquera terceira parte que estea implicada.

Por favor, ten en conta que é posible que os teus datos persoais non poidan ser eliminados se a lei non o permite, ou se algún outro requirimento legal esixe que os conservemos. Por exemplo, se a organización relixiosa está interesada en conservar permanentemente os datos relacionados co estado dunha testemuña de Xehová en particular, eliminar tal información iría en contra das prácticas e crenzas da organización relixiosa. As solicitudes de eliminación de datos persoais están suxeitas a calquera normativa legal aplicable ou a calquera requisito legal de conservación de documentos que debamos cumprir. Se o desexas, podes presentar unha reclamación perante as autoridades locais de protección de datos en relación ó proceso dos datos que nos facilitaches a través deste sitio web.