Ir ó contido

Que di a Biblia sobre pagar o décimo?

Que di a Biblia sobre pagar o décimo?

O que di a Biblia

 Como parte da súa contribución para apoiar a adoración verdadeira, ós israelitas da antigüidade mandábaselles dar o décimo, a é dicir, a décima parte, de todo o que conseguían durante o ano. Deus díxolles: “Xuntara-lo décimo de tódolos productos da túa sementeira, do que dá o campo, ano tras ano” (Deuteronomio 14:22).

 Este mandamento era parte da Lei de Moisés, a lei que Deus lle deu á antiga nación de Israel. Os cristiáns non estamos baixo esa lei e polo tanto non estamos obrigados a pagar o décimo (Colosenses 2:13, 14). En vez diso, cada cristián contribúe segundo o que teña decidido no corazón, “non contra gusto nin por compromiso, que Deus ama ó que dá con alegría” (2 Corintios 9:7).

 O décimo no Antigo Testamento

 O décimo menciónase moitas veces na parte da Biblia chamada habitualmente Antigo Testamento. A maioría desas referencias corresponden a un período posterior á lei que se lle deu a Israel a través de Moisés. Pero hai un par delas que corresponden a un período anterior.

Antes da Lei de Moisés

 A primeira persoa da que se di que ofreceu o décimo foi Abraham (Xénese 14:18-20; Hebreos 7:4). Parece que só fixo isto unha vez cando lle deu un regalo ó rei e sacerdote de Salem. Na Biblia non hai nada que indique que Abraham ou os seus fillos desen o décimo máis veces.

 A segunda persoa que se menciona na Biblia que ofreceu o décimo foi Xacob, o neto de Abraham. El prometeulle a Deus que se o bendicía lle devolvería a décima parte de todo o que recibise (Xénese 28:20-22). Algúns expertos din que Xacob pagou o décimo facéndolle sacrificios de animais a Deus. Pero, aínda que fixo esta promesa, non foi algo que lle impuxese ó resto da súa familia.

Baixo a Lei de Moisés

 Ós israelitas da antigüidade mandóuselles pagar o décimo para apoiar as súas actividades relixiosas.

  •   O décimo servía para manter os levitas e os sacerdotes. Eles non tiñan terras propias para cultivar porque dedicaban todo o seu tempo a axudar ás persoas a adorar a Xehová (Números 18:20, 21). O pobo dáballes o décimo ós levitas que non eran sacerdotes. E estes, á súa vez, daban a décima parte dese décimo ós sacerdotes (Números 18:26-29).

  •   A Biblia ensina que o pobo tiña que pagar cada ano un segundo décimo que beneficiaba tanto os levitas coma os non levitas (Deuteronomio 14:22, 23). As familias israelitas usaban esa ofrenda durante as festas especiais. Pero algúns anos dábanllela ós que eran moi pobres para axudarlles a ter o necesario (Deuteronomio 14:28, 29; 26:12).

 Como se calculaba o décimo? Os israelitas apartaban cada ano unha décima parte do que producía a terra (Levítico 27:30). Se preferían pagar o décimo en cartos en vez de en produto podían facelo, pero tiñan que pagar un 20 % máis (Levítico 27:31). Ademais, tiñan que dar “todo décimo de gando grande ou pequeno” (Levítico 27:32).

 Para calcular o décimo do gando, os israelitas apartaban cada décimo animal que saía da corte. A Lei dicía que non se podía escoller o animal nin tampouco intercambialo por outro nin por cartos (Levítico 27:32, 33). En cambio, o segundo décimo que se usaba para as festas anuais si que se podía cambiar por cartos. Desta forma, era máis fácil para os israelitas que vivían lonxe viaxar á festa (Deuteronomio 14:25, 26).

 Cando daban o décimo os israelitas? Os israelitas daban o décimo tódolos anos (Deuteronomio 14:22). Pero cada sétimo ano facíase unha excepción. Ese ano considerábase un sábado, un ano de descanso, e os israelitas non cultivaban ningún terreo (Levítico 25:4, 5). Como ese ano non se recollía nada, tampouco tiñan que dar o décimo. Por outro lado, cada terceiro e sexto ano dese período de sete, os israelitas daban o segundo décimo ós pobres e ós levitas (Deuteronomio 14:28, 29).

 Cal era o castigo por non pagar o décimo? A Lei non dicía que se tivese que castigar os israelitas que non pagasen o décimo. Máis ben, era unha obrigación moral. Os israelitas tiñan que declarar ante Deus que deran o décimo e pedir a súa bendición por facelo (Deuteronomio 26:12-15). Para Deus era un roubo que non lle pagasen o décimo (Malaquías 3:8, 9).

 Era o décimo unha carga demasiado pesada? Non. Deus prometeulles ós israelitas que, se lle daban o décimo, os bendiciría e non lles faltaría de nada (Malaquías 3:10). Pero cando non o daban sufrían porque Xehová non os bendicía. Ademais, tampouco recibían a axuda dos sacerdotes e dos levitas porque estes tiñan que traballar para conseguir o necesario (Nehemías 13:10; Malaquías 3:7).

 O décimo no Novo Testamento

 Durante o tempo que Xesús viviu na Terra, o décimo seguía sendo un requisito para os servos de Deus. Pero, coa súa morte, este requisito quedou abolido.

No tempo de Xesús

 No que se coñece como Novo Testamento móstrase que, no tempo de Xesús, os israelitas seguían pagando o décimo. El sabía que pagar o décimo era unha obrigación. Aínda así, condenou os lideres relixiosos que o facían de forma minuciosa pero descoidaban o máis importante da lei: “a xustiza, a misericordia e a fidelidade” (Mateo 23:23).

Despois da morte de Xesús

 Despois da morte de Xesús, xa non era necesario pagar o décimo. O seu sacrificio aboliu a Lei de Moisés, que incluía ese mandamento (Efesios 2:13-15; Colosenses 2:13, 14; Hebreos 7:5, 18).

a O décimo “é a décima parte dos ingresos que se reservan para un uso específico. [...] Na Biblia, o décimo ten normalmente un obxectivo relixioso” (Harper’s Bible Dictionary, páxina 765).