Ir ó contido

Que significa ser un “bo samaritano”?

Que significa ser un “bo samaritano”?

O que di a Biblia

A expresión “bo samaritano” normalmente úsase para describir a unha persoa que axuda a outras que o necesitan. Este termo provén dunha parábola ou historia que Xesús contou para ensinar que un bo próximo axuda a outros sen importar a súa nacionalidade ou antecedentes.

Neste artigo veremos o seguinte:

 De que trata a parábola do bo samaritano?

Este é un breve resumo da historia que contou Xesús: cando un home xudeu estaba viaxando de Xerusalén a Iericó, polo camiño roubáronlle, pegáronlle e deixárono medio morto.

Polo seu lado pasaron un sacerdote xudeu e máis tarde, outro líder relixioso xudeu. Aínda que eran da mesma nacionalidade, ningún deles parou para axudarlle.

Finalmente, foi un home doutra nación o que lle axudou, un samaritano (Lucas 10:33; 17:16-18). Ó velo, sentiu compaixón por el, así que lle curou as feridas e levouno a unha pousada. Coidou del toda a noite e ó día seguinte pagoulle ó dono da pousada para que coidase del. Ademais, dixo que volvería para pagar calquera outro gasto que fose necesario (Lucas 10:30-35).

 Por que contou Xesús esta parábola?

Xesús contoulle esta historia a un home que pensaba que o seu próximo só era a xente da súa mesma raza e relixión. Quería ensinarlle unha importante lección: non podía pensar que o seu “próximo” eran só outros xudeus (Lucas 10:36, 37). Esta parábola incluíuse na Biblia para ensinarlle esta lección a todos aqueles que queren agradar a Deus (2 Timoteo 3:16, 17).

 Que aprendemos desta parábola?

Esta parábola ensínanos que un bo próximo demostra a súa compaixón con feitos, é dicir, fai todo o que pode por axudar a quen está sufrindo sen importar os seus antecedentes, a súa raza ou a súa nacionalidade. Un bo próximo trata a outros conforme lle gustaría que o tratasen a el (Mateo 7:12).

 Quen eran os samaritanos?

Os samaritanos vivían ó norte de Xudea e eran descendentes de matrimonios entre xudeus e non xudeus.

Para o primeiro século da nosa era, os samaritanos formaran a súa propia relixión. Aceptaban os primeiros cinco libros das Escrituras Hebreas pero, polo xeral, rexeitaban o resto.

Moitos xudeus nos días de Xesús desprezaban os samaritanos e evitaban o contacto con eles (Xoán 4:9). De feito, algúns xudeus usaban como un insulto a palabra “samaritano” (Xoán 8:48).

 Sucedeu de verdade a historia do bo samaritano?

A Biblia non indica se a parábola do bo samaritano sucedeu de verdade. Aínda así, para que as persoas entenderan as súas ensinanzas, a miúdo, Xesús usaba lugares e costumes que elas coñecían ben.

Moitos detalles da parábola son historicamente exactos. Por exemplo:

  • O camiño de Xerusalén a Iericó tiña uns 20 quilómetros. Neste traxecto descendíase 1 quilómetro. Por iso, a parábola é exacta cando di que “un home baixaba de Xerusalén a Iericó” (Lucas 10:30).

  • Os sacerdotes e outros líderes relixiosos xudeus que vivían en Iericó viaxaban a Xerusalén a miúdo por este camiño.

  • Con frecuencia os ladróns agochábanse neste camiño. Os que viaxaban sós eran o seu principal obxectivo.