Ir ó contido

E+/IvanJekic via Getty Images

DESEÑOUNO ALGUÉN?

O voo da semente do dente de león

O voo da semente do dente de león

 As sementes do dente de león son das que mellor voan na natureza. Cando o vento sopra a través da cabeza dun dente de león, ducias de sementes diminutas empezan a flotar no aire, coma se fosen paracaídas pequeniños. Aínda que voan cerca do chan, algunhas poden flotar coa brisa durante un quilómetro ou máis. Como é isto posible? Fai pouco descubriuse que o seu voo é catro veces máis eficaz e máis estable que o dun paracaídas convencional.

 Pensa nisto: Cada semente está suspendida nun talo que está unido ó papo, un conxunto de plumas tan finas coma un cabelo. Este funciona coma un paracaídas para axudar as sementes a seguir voando.

Algúns investigadores opinan que o fluxo circular do aire frea a caída da semente

 Pero as plumas do papo fan algo máis para manter as sementes no aire. Mentres o vento se move arredor e a través das plumas, no aire fórmase un remuíño en forma de anel. O aire que flúe en círculos dentro do vórtice forma unha zona de baixa presión, que tira cara arriba do papo e fai que caia ó chan máis amodiño.

 Podemos dicir que as plumas fan que o papo funcione coma un paracaídas permeable, pero máis eficaz e estable. Ademais, o 90% do espazo do papo está baleiro, así que usa moi pouco material.

 Os científicos están buscando maneiras de copiar o voo da semente do dente de león. Unha forma na que poderían usar esta información sería para deseñar pequenos drons que necesitasen pouco ou nada de enerxía externa para voar, e así minimizar o consumo de enerxía. Estes poderían ter moitos usos, como rexistrar a contaminación do aire.

 Mira as sementes do dente de león voando.

 Que dirías? É a capacidade que ten a semente do dente de león para voar resultado da evolución? Ou deseñouna alguén?