Ir ó contido

DESEÑOUNO ALGUÉN?

A ecolocalización do morcego

A ecolocalización do morcego

 Aínda que os morcegos poden ver, para percibir o que os rodea na escuridade da noite a maioría das especies usa a ecolocalización, que consiste en calcular a distancia á que está un obxecto polo tempo que tarda en volver o son. Por exemplo, algúns morcegos poden distinguir un mosquito dun escaravello pola velocidade á que moven as súas ás.

 Pensa nisto: A maioría dos morcegos producen sons na larinxe que proxectan a través da boca ou do nariz. Usan as súas grandes orellas para detectar o eco que se produce cando as ondas sonoras rebotan nos obxectos. O eco permítelles crear na súa mente unha imaxe tridimensional do que os rodea. Deste xeito poden determinar a localización, a altura e a distancia dun obxecto, incluso estando no medio de moitos outros morcegos que tamén emiten sons.

 A ecolocalización dos morcegos ten que ser moi precisa, porque un erro de tan só un milisegundo (a milésima parte dun segundo) podería facer que se desviase do seu obxectivo ata 17 centímetros. Segundo algúns investigadores, “parece imposible” alcanzar unha precisión maior á dun milisegundo. Pero os experimentos indican que a ecolocalización dos morcegos ten unha precisión de 10 nanosegundos (a cenmillonésima parte dun segundo). Grazas a isto, son capaces de determinar distancias cunha precisión dun milímetro ou incluso máis!

 Un grupo de investigadores deseñou un bastón electrónico que usa a ecolocalización para axudar ás persoas cegas a visualizar o que as rodea e que así poidan evitar obstáculos. Incluso detecta os que están á altura da cabeza, como pólas de árbores. Brian Hoyle e Dean Waters, dous dos deseñadores deste bastón, din: “Unha das principais inspiracións para este proxecto foi o que sabiamos da impresionante capacidade de ecolocalización dos morcegos”.

 Que dirías? É a extraordinaria ecolocalización dos morcegos resultado da evolución? Ou deseñouna alguén?