Ir ó contido

Ir ó índice

Como adaptarse a unha nova congregación

Como adaptarse a unha nova congregación

CAMBIACHES algunha vez de congregación? Se é así, probablemente esteas de acordo con Jean-Charles, que di o seguinte: “É todo un reto adaptarse a unha nova congregación e, ó mesmo tempo, asegurarse de que tódolos membros da familia sigan tendo unha boa relación con Xehová”. Ademais de ter que encontrar un novo traballo, un novo lugar onde vivir e ó mellor unha nova escola, é posible que os que se mudan tamén teñan que adaptarse a un clima distinto, unha cultura diferente e un novo territorio onde predicar.

Nicolas e Céline enfrontáronse a un reto distinto. Aceptaron unha invitación da sucursal de Francia para cambiarse a unha nova congregación. Eles contan: “Ó principio estabamos moi ilusionados, pero despois empezamos a botar de menos os nosos amigos. Aínda non tiñamos unha relación moi estreita cos irmáns da nosa nova congregación”. a Tendo en conta todos estes desafíos, como podes ter éxito ó cambiarte de congregación? Como poden axudar outros? E que cousas boas é posible que recibas e que aportes na túa nova congregación?

CATRO PRINCIPIOS QUE CHE AXUDARÁN A ADAPTARTE

Confía en Xehová

1. Confía en Xehová (Sal. 37:5). Kazumi, quen é do Xapón, deixou unha congregación na que estivera durante 20 anos cando o seu marido recibiu un traslado no traballo. Como demostrou que confiaba en Xehová? Ela di: “Contáballe unha e outra vez a Deus que me sentía soa e que tiña pánico e ansiedade. E, cada vez que o facía, el dábame as forzas que necesitaba”.

Que podes facer para confiar máis en Xehová? Igual que unha planta necesita auga e nutrientes da terra para crecer, nós tamén temos que alimentar simbolicamente a nosa fe para que medre. Nicolas, do que xa falamos antes, descubriu que meditar nos exemplos de Abrahán, Xesús e Paulo, persoas que fixeron moitos sacrificios por Xehová, fixo que estivese máis seguro de que El lle axudaría. Ter un programa regular de estudo persoal non só che axudará a enfrontarte ós retos da vida, senón que tamén che permitirá aprender cousas que poderás usar para animar a outros na túa nova congregación.

Evita facer comparacións

2. Evita facer comparacións (Ecl. 7:10). Jules tivo que adaptarse a unha cultura totalmente nova cando se mudou de Benín ós Estados Unidos. El recorda: “Dábame a impresión de que tiña que contarlle a miña vida a cada nova persoa que coñecía”. Como non estaba acostumado a isto empezou a illarse dos irmáns da congregación. Pero, despois de coñecelos mellor, cambiou o seu punto de vista. Jules segue contando: “Creo que os humanos somos iguais por todo o mundo. Simplemente nos expresamos dunha maneira distinta. Por iso é moi importante aceptar as persoas tal e como son”. Así que evita comparar a túa nova congregación coa anterior. Anne-Lise, quen é pioneira, di: “Mudeime porque quería aprender cousas novas, non porque esperase que aquí todo fose exactamente igual que onde estaba antes”.

Os anciáns tamén deberían evitar facer comparacións na nova congregación. Facer as cousas de maneira diferente non significa necesariamente que estean mal feitas. O máis sabio sería aprender cales son as circunstancias da nova congregación antes de suxerir ideas (Ecl. 3:1, 7b). É mellor dar un bo exemplo que tratar de impoñer a túa maneira de facer as cousas (2 Cor. 1:24).

Involúcrate

3. Involúcrate (Filip. 1:27). Aínda que unha mudanza require moito tempo e enerxías, é vital asistir ás reunións de congregación dende o principio. E o mellor sería que, sempre que poidas, o fixeses en persoa. Ó fin e ó cabo, se os irmáns non te ven nunca, ou case nunca, é máis difícil que che poidan axudar. Lucinda, quen se mudou coas súas dúas fillas a unha cidade grande de Suráfrica, recorda: “Os meus amigos déronme o consello de que me involucrase na nova congregación saíndo con outros a predicar e participando nas reunións. Ademais, ofrecemos a nosa casa para facer as reunións para predicar”.

Participar en actividades espirituais cos irmáns da nova congregación é unha boa maneira de fortalecerte a ti mesmo e a outros. A Anne-Lise, da que xa falamos antes, animárona os anciáns a que predicase con tódolos irmáns. Cal foi o resultado? Ela di: “Deime conta rapidamente de que esta era unha boa maneira de sentirme parte da congregación”. Ademais, ofrecerte como voluntario para participar en actividades como a limpeza e o mantemento do Salón do Reino demostra que xa sentes que esta é a túa congregación. Canto máis te involucres, antes verás que os irmáns están cómodos contigo e sentirás que forman parte da túa familia.

Fai novos amigos

4. Fai novos amigos (2 Cor. 6:11-13). A mellor maneira de conseguir que os irmáns sexan os teus amigos é mostrándolles que te interesas de verdade por eles. Por iso é importante que antes e despois das reunións dediques tempo a falar con eles para coñecelos. Esfórzate por aprender como se chaman. Recordar os nomes dos demais, ser cariñoso e ser accesible fará que te queiran coñecer mellor e que cheguedes a ser bos amigos.

En vez de pretender ser alguén diferente para intentar gustarlles a outros, deixa que os teus novos amigos te coñezan tal e como es. Isto será máis fácil se estades xuntos nun ambiente informal. En canto a isto, podemos aprender de Lucinda. Ela conta: “Agora temos moi boas amizades porque tomamos a iniciativa de invitar a outros á nosa casa”.

“ACOLLÉDEVOS UNS A OUTROS”

Entrar nun Salón do Reino cheo de descoñecidos pode intimidar algúns. Como podes poñerllo fácil ós novos que chegan á túa congregación? O apóstolo Paulo deu o seguinte consello: “Acollédevos uns a outros, como tamén Cristo vos acolleu” (Rom. 15:7). Os anciáns poden imitar a Cristo axudándolles ós novos a sentirse benvidos (mira o recadro “ Como che pode ir ben ó mudarte”). Pero todos na congregación, incluídos os nenos, temos un papel moi importante nisto.

Acoller a outros inclúe demostrar hospitalidade pero tamén ofrecer axuda práctica. Por exemplo, unha irmá dedicou do seu tempo a mostrarlle a cidade a outra que acababa de chegar e ensinarlle como funcionaba o transporte público. Isto gustoulle moito á irma que se mudara e axudoulle a adaptarse.

UNHA OPORTUNIDADE PARA CRECER

A un paxariño pode darlle medo deixar o niño para voar por primeira vez. Pero cando o fai, co tempo pode ser capaz de voar moi alto. De maneira parecida, cando nos mudamos a outra congregación pode darnos algo de medo ter que coñecer xente nova. Pero unha vez que venzamos ese temor seremos capaces de estender as nosas ás e voar alto no servizo a Xehová. Nicolas e Céline din: “Mudarse é unha excelente preparación. Para adaptarnos á xente que non coñeciamos e a un lugar diferente tivemos que cultivar novas cualidades”. Jean-Charles, do que xa falamos antes, menciona os beneficios que tivo a súa familia: “Cambiarnos a unha nova congregación permitiulles ós nosos fillos madurar espiritualmente e achegarse máis a Xehová. Tan só uns meses despois de mudarnos, a nosa filla empezou a presentar intervencións na reunión de entre semana e o noso fillo fíxose publicador non bautizado”.

Que podes facer se as túas circunstancias non che permiten mudarte a un lugar onde hai máis necesidade? Aínda que non cambies de congregación, se aplicas algúns dos consellos que vimos neste artigo, poderías chegar a sentirte coma se servises nun lugar novo. Confía en Xehová, involúcrate nas actividades da congregación saíndo a predicar con diferentes irmáns, fai novas amizades e fortalece as que xa tes. Poderías tomar a iniciativa para axudarlles de maneira práctica ós que son novos ou ós que teñen algunha necesidade? Como o amor é a cualidade que identifica os verdadeiros cristiáns, axudarlles ós demais acercarate a Xehová (Xoán 13:35). Podes estar seguro de que estes “son os sacrificios que lle agradan a Deus” (Heb. 13:16).

A pesar dos desafíos, moitos cristiáns puideron ter éxito ó mudarse de congregación, e ti tamén podes. Anne-Lise di: “Cambiarme de congregación axudoume a ser unha persoa máis aberta”. Kazumi agora está convencida de que cando te mudas “podes ver a axuda de Xehová de maneiras que nunca antes imaxinaras”. E que opina Jules? El conta: “Os amigos que fixen axudáronme a deixar de sentirme fóra de lugar. Agora noto que son parte da miña nova congregación e custaríame moito deixala”.

a Para máis suxestións sobre como superar a nostalxia, mira o artigo “Cómo enfrentarse a la nostalgia en el servicio de Dios” na revista La Atalaya do 15 de maio de 1994 (dispoñible en español).