Ir ó contido

Ir ó índice

Sabíalo?

Sabíalo?

En que tipo de vehículo ía sentado o eunuco etíope cando Felipe se lle acercou?

A PALABRA orixinal que se traduce como “carro” na Tradución do Novo Mundo pode referirse a varios tipos de vehículos (Feit. 8:28, 29, 38). Pero, todo parece indicar que o carro no que ía sentado o etíope era máis grande que un simple carro de combate ou de carreiras. Que nos fai chegar a esta conclusión?

O etíope tiña un posto de moita autoridade e viaxara unha longa distancia. El era “un home con autoridade que servía a Candace, a raíña dos etíopes, e que estaba ó cargo de todo o tesouro dela” (Feit. 8:27). Naquela época, Etiopía incluía o que actualmente é Sudán e tamén a parte que está máis ó sur do que agora é Exipto. Aínda que é probable que este home non fixese toda a viaxe no mesmo medio de transporte, seguramente levaba moita equipaxe para unha travesía tan longa. Entre os vehículos que se usaban no primeiro século da nosa era para transportar pasaxeiros estaban os carros cubertos e con catro rodas. O libro Acts: An Exegetical Commentary explica: “Este tipo de carruaxe permitía levar máis equipaxe, facía a viaxe máis cómoda e, quizais, ata permitía percorrer distancias máis longas”.

O etíope estaba lendo cando Felipe se lle acercou. O relato di que “Felipe foi correndo ó lado do carro e escoitou que o home estaba lendo en voz alta as palabras do profeta Isaías” (Feit. 8:30). Os carros para viaxar non estaban feitos para ir a grandes velocidades. De feito, que o carro fose amodo non só permitía que o eunuco lese, senón que tamén fixo posible que Felipe o alcanzase a pé.

O etíope suplicoulle “a Felipe que subise ó carro e se sentase con el” (Feit. 8:31). Nos típicos carros de carreiras os pasaxeiros tiñan que ir de pé. Pero nun carro de viaxe, o eunuco e Felipe terían sitio para sentarse.

Polo tanto, de acordo co relato inspirado que se encontra no capítulo 8 de Feitos e co que demostran as probas históricas dispoñibles, ultimamente as nosas publicacións representan o eunuco etíope montado nun vehículo máis grande que un simple carro de combate ou de carreiras.