Ir ó contido

O PUNTO DE VISTA BÍBLICO

A pornografía

A pornografía

Que di a Biblia sobre a pornografía?

“Pero eu dígovos que todo o que segue mirando unha muller ata o punto de sentir paixón por ela xa cometeu adulterio con ela no seu corazón” (Mateo 5:28, TNM).

POR QUE É IMPORTANTE

Hoxe en día a pornografía é máis popular e accesible ca nunca antes. Se queres facer o que a Deus lle gusta e ter unha vida máis feliz, debes saber o que pensa el sobre a pornografía.

O PUNTO DE VISTA BÍBLICO

A pornografía non se menciona especificamente na Biblia pero está claramente en contra de moitos principios bíblicos.

Por exemplo, a Biblia advirte que, cando un home casado “segue mirando unha muller” que non é a súa co desexo de ter relacións sexuais con ela, pode acabar cometendo adulterio. O principio que hai detrás desta advertencia aplícalle a calquera, casado ou solteiro, que “segue mirando” imaxes pornográficas. Evidentemente, este comportamento ofende moito a Deus porque alimenta os desexos inmorais.

É mala a pornografía aínda que non acabemos cometendo inmoralidade sexual?

“Polo tanto, dádelle morte ós membros do voso corpo [...] no que ten que ver coa inmoralidade sexual, a impureza, a paixón sexual descontrolada, os malos desexos e a cobiza” (Colosenses 3:5, TNM).

O QUE DI A XENTE

Algúns investigadores dubidan de que haxa unha clara conexión entre a pornografía e o comportamento sexual ofensivo. Aínda que fose certo, significa iso que a pornografía é aceptable para Deus?

O PUNTO DE VISTA BÍBLICO

Se a Biblia di que as bromas obscenas son inaceptables, como non o vai ser a pornografía? (Efesios 5:3, 4). Hoxe en día a pornografía normalmente inclúe escenas reais de adulterio, homosexualidade e outras formas de fornicación. Está claro que mirar con lascivia actos sexuais inmorais é máis ofensivo para Deus que falar de forma obscena.

Os investigadores seguen debatendo sobre a probabilidade de que as persoas leven á realidade as fantasías promovidas pola pornografía. Pero a Biblia apoia claramente a idea de que a pornografía en si mesma destrúe a nosa espiritualidade e é moi ofensiva para Deus. De feito dános a seguinte advertencia: “Dádelle morte ós membros do voso corpo […] no que ten que ver coa inmoralidade sexual, a impureza, a paixón sexual descontrolada” (Colosenses 3:5, TNM). A pornografía consegue o efecto contrario. En vez de acabar con estes desexos, aliméntaos.

Que pode sernos de axuda para evitar a pornografía?

“Buscade o ben e non o mal [...]. Rexeitade o mal, amade o ben” (Amós 5:14, 15).

O PUNTO DE VISTA BÍBLICO

A Biblia fala de persoas que foron capaces de deixar malos hábitos como emborracharse, practicar inmoralidade sexual ou roubar (1 Corintios 6:9-11, TNM). Como o conseguiron? Aprenderon a odiar o que é malo aplicando a sabedoría que se pode encontrar na Palabra de Deus.

É posible aprender a odiar a pornografía ó pensar detidamente nas terribles consecuencias deste vicio tan prexudicial. Un estudo publicado recentemente pola Universidade do Estado de Utah mostrou que a pornografía ás veces provoca “depresión, illamento social, danos nas relacións” e outras consecuencias moi tristes. Pero aínda hai algo peor. Como se explicou antes, ver pornografía é algo moi ofensivo para o noso Creador e polo tanto apártanos del.

A Biblia pode axudarnos a aprender a amar o que é bo. Canto máis a leamos, máis crecerá o noso aprecio polas súas normas morais. Ese aprecio axudaranos a adoptar unha actitude firme contra a pornografía. Sentirémonos igual que o salmista que escribiu: “Non porei diante os ollos cousa inxusta” ou desprezable (Salmo 101:3, SBG).