Feitos dos Apóstolos 5:1-42

  • Ananías e Safira (1-11)

  • Os apóstolos fan moitos milagres (12-16)

  • Métenos na prisión e despois déixanos libres (17-21a)

  • Volven a levalos diante do Sanedrín (21b-32)

    • Obedecer a Deus antes que ós homes (29)

  • O consello de Gamaliel (33-40)

  • Predican de casa en casa (41, 42)

5  Resulta que un home que se chamaba Ananías e a súa muller Safira venderon unha propiedade.  Pero el gardou parte dos cartos e non llo dixo a ninguén, só á súa muller. Despois, levoulles o resto dos cartos ós apóstolos.  Entón, Pedro díxolle: “Ananías, por que deixaches que Satanás che dese o valor para mentirlle ó espírito santo e quedar en segredo con parte dos cartos do campo?  O campo era teu antes de vendelo, non? E cando o vendiches podías facer cos cartos o que quixeses, non? Entón, por que planeaches algo así no teu corazón? Non lles mentiches ós homes, mentícheslle a Deus”.  En canto Ananías escoitou iso, caeu ó chan e morreu. E tódolos que souberon o que pasara sentiron moito temor.  Despois, os homes máis novos levantáronse, envolvérono con teas, sacárono para fóra e enterrárono.  Unhas tres horas máis tarde entrou a súa muller, pero ela non sabía o que pasara.  Pedro díxolle: “Vendestes o campo por esta cantidade?”. Ela respondeulle: “Si, iso foi o que nos deron por el”.  Entón Pedro preguntoulle: “Por que vos puxestes de acordo para intentar enganar o espírito de Xehová*​? Mira! Os que enterraron o teu home están na porta e tamén te levarán a ti”. 10  Nese momento, ela caeu ó chan alí diante del e morreu. Cando os homes novos entraron, encontrárona morta. Despois sacárona para fóra e enterrárona ó lado do seu home. 11  Iso fixo que toda a congregación e tódolos que souberon o que pasara sentisen un gran temor. 12  Ademais, facíanse moitos milagres e cousas impresionantes entre o pobo mediante os apóstolos, e todos se xuntaban no Pórtico de Salomón. 13  É certo que ningún dos outros tiña valor para unirse a eles, pero a xente falaba moi ben deles. 14  De feito, moitísimos homes e mulleres creron no Señor e fixéronse discípulos del. 15  A xente incluso sacaba os enfermos ás rúas principais e poñíaos en camas portátiles para que, cando Pedro pasase por alí, polo menos a súa sombra tocase a algúns. 16  Tamén ía onda eles moitísima xente das cidades que había arredor de Xerusalén. Levábanlles os enfermos e as persoas que sufrían por culpa dos malos espíritos, e todos quedaban curados. 17  Pero o sumo sacerdote e tódolos que estaban con el, que eran seguidores das ensinanzas* dos saduceos, enchéronse de rabia e de celos. 18  Así que arrestaron os apóstolos e metéronos na prisión*​. 19  Pero pola noite, o anxo de Xehová* abriu as portas da prisión, sacounos de alí e díxolles: 20  “Ide ó templo e seguídelle predicando ó pobo toda a mensaxe da vida que vai vir”. 21  Despois de oír isto, ó saír o sol, entraron no templo e puxéronse a ensinar. Cando chegaron o sumo sacerdote e os que estaban con el, reuniron o Sanedrín e toda a asemblea dos anciáns dos fillos de Israel. Entón mandaron que lles trouxesen os apóstolos que estaban na prisión. 22  Pero cando os oficiais chegaron alí, non os encontraron. Así que volveron para contarlles o que descubriran 23  e dixéronlles: “Encontramos a prisión pechada e asegurada, e os gardas estaban de pé nas portas. Pero ó abrilas, non había ninguén dentro”. 24  Cando o capitán da garda do templo e os sacerdotes principais oíron iso, quedaron desconcertados porque non sabían como acabaría todo. 25  Pero entón chegou alguén e díxolles: “Mirade!* Os homes que metestes no cárcere están no templo ensinándolle á xente”. 26  Así que o capitán foi cos seus oficiais e colleron os apóstolos, pero sen violencia, porque tiñan medo de que o pobo os matase a pedradas. 27  Despois leváronos diante do Sanedrín e o sumo sacerdote empezou a interrogalos. 28  Díxolles: “Démosvos a orde de que non seguísedes ensinando no nome dese home, pero resulta que enchestes Xerusalén coas vosas ensinanzas. Estades decididos a facernos culpables da morte dese home*”. 29  Pedro e os outros apóstolos responderon: “Temos que obedecer a Deus como gobernante antes que ós homes. 30  O Deus dos nosos antepasados resucitou* a Xesús, a quen vós matastes colgándoo nun madeiro*​. 31  Deus honrouno e púxoo á súa dereita como Axente Principal e Salvador para que Israel poida arrepentirse e que os seus pecados poidan ser perdoados. 32  Nós somos testemuñas de todo iso e tamén o é o espírito santo que Deus lles deu ós que o obedecen como gobernante”. 33  Cando oíron iso, puxéronse furiosos e quixeron matar os apóstolos. 34  Pero un fariseo que se chamaba Gamaliel, un mestre da Lei moi respectado por todo o pobo, levantouse no Sanedrín e mandou que os sacasen para fóra durante un momento. 35  Despois dixo: “Homes de Israel, tede coidado co que queredes facerlles a estes homes. 36  Por exemplo, hai algún tempo apareceu Teudas dicindo que era alguén importante, e uns 400 homes uníronse ó seu partido. Pero cando o mataron, tódolos seus seguidores dispersáronse e aí acabou todo. 37  Despois del apareceu Xudas o Galileo nos días do censo e convenceu a algúns para que se fixesen seguidores del. Pero este home tamén morreu e tódolos que o seguían dispersáronse. 38  Así que nestas circunstancias dígovos que non vos metades con estes homes. Deixádeos en paz. Porque se o que están planeando ou o que están facendo é cousa de homes, acabará fracasando. 39  Pero se vén de Deus, non poderedes facer que fracase. Tede coidado, porque incluso podedes acabar loitando contra o propio Deus”. 40  Así que lle fixeron caso. Entón chamaron os apóstolos, déronlles unha malleira e mandáronlles que deixasen de falar no nome de Xesús. Despois deixáronos marchar. 41  Eles saíron de diante do Sanedrín moi contentos, porque Deus lles concedera o honor de sufrir por falar do nome de Xesús. 42  E tódolos días, no templo e de casa en casa, seguían ensinando e anunciando sen parar as boas noticias acerca do Cristo, Xesús.

Notas ó pé

Ou “que eran da seita”. Ver glosario seita.
Ou “e puxéronos baixo custodia”.
Lit. “a traer sobre nós o sangue dese home”.
Lit. “levantou”.
Ou “nunha árbore”.